O historiador e investigador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez presenta o seu último libro “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte” no Centro Cultural da Guarda este sábado 28 de xaneiro ás 20,30 h. Trátase do terceiro volume da súa serie de libros na que fala da historia desta sociedade pero tamén da propia sociedade e vida política da Guarda. Nesta nova obra, que abarca dende o ano 1939 ata o 1979 e leva por subtítulo “unha larga e fructífera permanencia”, continúa a afondar noutra etapa da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O libro ven a completar os dous volumes anteriores: “La sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1ª parte: 1912-1928)” e “La sociedad Pro-Monte Santa Tecla (2ª parte: 1928-1939).

A presentación deste novo libro do historiador da Guarda forma parte das actividades encadradas na celebración do centenario do MASAT, o Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega, que foi creado pola propia Sociedade Pro-Monte no ano 1917. Ademais ten lugar unha semana despois da barferencia que Villa ofreceu o venres pasado, 20 de xaneiro, na Cafetería Alameda na que expuxo os seus amplos coñecementos sobre os “100 anos de Museo no Monte”.

Este venres 20 de xaneiro, ás 20’30 horas na Cafetería La Casilla, terá lugar a primeira barferencia do ano 2017, e terceira desta tempada de inverno. Trátase dunha cita moi especial para A Guarda, xa que a ponencia versará sobre os “100 anos do Museo do Monte”, un elemento clave na vida e na sociedade da vila nas últimas décadas.

A ponencia estará a cargo do historiador e profesor guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez, licenciado en Xeografía e Historia e Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Villa imparte clases no Colexio PP. Somascos da Guarda, labor que compaxina coa de investigador, que o levou a colaborar en diferentes publicacións, en especial con temas relacionados coa Guarda.

Nesta barferencia exporá parte dos seus numeroso coñecementos sobre o Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega (MASAT), que cumpre cen anos este ano 2017, pois foi creado pola Sociedade Pro-Monte no 1917. Parte desta ponencia terá como base a investigación que ten realizado sobre a propia Sociedade Pro Monte e que o levou a publicar “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1ª parte: 1912-1928)” e “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (2ª parte: 1928-1939). A estes dous volumes súmase un terceiro libro, “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte”, que se presentará no Centro Cultural da Guarda o vindeiro sábado 28 de xaneiro.

Dende o Concello da Guarda anímase a tódolos veciños a asistir a esta interesante barferencia, na que poderán coñecer a historia dun museo clave na vida, cultura e sociedade da vila.