O próximo luns 28 de agosto retomaranse as populares andainas organizadas polo Concello da Guarda en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, cunha actividade especial: a Romaría de São João d’Arga.

Organizada pola Unión de Parroquias de Caminha e Vilarelho, co apoio do Concello de Caminha, a romaría consistirá nun percorrido de 20km, cunha dificultade media-alta, dende Caminha ata Arga de São João, situada na Serra d’Arga. Este é o percorrido que os peregrinos adoitaban facer na véspera da festa.

Os participantes inscritos sairán da explanada da Sangriña ás 12.30h en autocar ata Caminha, para xuntarse cos demais participantes portugueses na praza do Torreiro ás 13.30h. No camiño pasaremos polas parroquias de Vilarelho, Venade, Azevedo e Dem. Haberá pausas durante a ruta, para descansar e agrupar aos participantes. En Dem, a organización ten programado un descanso máis longo para un breve avituallamento e, ao remate da camiñada, os participantes poderán compartir o xantar que leven como marca a tradición.

A chegada ao mosteiro de Arga de São João está programada para as 19.00h. O autobús de regreso á Guarda agardará aos participantes en Santo Aginha (Arga de São João), a uns 2km do mosteiro, sobre as 21.30h, polo que a chegada á localidade da Guarda está prevista a partir das 22.00h, despois de gozar da tradicional romaría de Sao Joao d’ Arga.

Aquelas persoas interesadas en asistir a esta emblemática festa de Caminha poden contactar coa Oficina de Turismo da Guarda no teléfono 986 614 546, ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.