O Concello da Guarda ven de rematar recentemente a instalación dos novos módulos para socorrismo e baños adaptados na Praia do Muíño, unhas instalacións que veñen a completar as obras feitas coa mellora da accesibilidade a este espazo natural de gran afluencia de visitantes na tempada estival.

Deste xeito instaláronse dous módulos, un para o servizo de salvamento con sala de curas independente da sala de persoal e aseo e outro módulo para aseos, de dúas cabinas, unha delas acondicionada para persoas con mobilidade reducida. Tamén conta cun almacén para os materiais de limpeza de praia.

Tamén se instalaron dous postos de vixiancia, un para a praia do Muíño e outro para a praia de Area Grande, con estrutura de madeira para mellorar o campo de visión dos socorristas, así coma a adquisición de dúas táboas de surf para o rescate de vítimas na auga.

O presuposto total para estas instalacións ascendeu a 51.158,34€ + IVE

Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

Na xornada deste luns día 6 de xullo de 2020 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Turismo, María Elena Baz e a Técnica de Turismo, Rosalía Verde, achegáronse ata a praia da Area Grande para realizar o izado da Bandeira Azul neste areal costeiro da vila, que ao igual que o areal do Muíño na desembocadura do Río Miño, recibiu este ano este importante distintivo. Cumpre sinalar que, aínda que a praia do Muíño conta xa con todos os requisitos que esixe a Bandeira Azul, esta non se vai a izar ata que rematen as obras de mellora da accesibilidade na Praia do Muíño, que se tiñan previsto rematar antes da tempada estival, e que sufriron un retraso por mor da situación provocada polo Covid-19, unha vez rematadas ditas obras izarase a Bandeira Azul neste areal.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán

Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezou xa co arranque estival.

María Elena Baz, Concelleira de Turismo, quixo resaltar nesta visita aos areais galardoados co distintivo de Bandeira Azul o esforzo realizado a nivel municipal para a súa concesión, no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

En total, 688 bandeiras azuis ondean este ano en España: en 589 areais; 98 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 5 embarcacións turísticas sostibles. Para A Guarda outorgáronse este ano dúas Bandeiras azuis, que forman parte do total de 107 areais con este distintivo en Galicia.

Hoxe martes 27 de xuño tivo lugar o acto de izamento das Bandeiras Azuis nas praias de Area Grande e O Muíño coas que se marca o comezo da temporada de verán nestas dúas praias recoñecidas da Guarda.

Ata a praia do Muíño desprazáronse o Alcalde, Antonio Lomba, e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, e xunto cos socorristas izaron os dous distintivos cos que conta esta praia emblemática do río Miño, Bandeira Azul e Ecoplaya.

Estes distintivos son un recoñecemento ao traballo realizado para manter e mellorar a calidade en canto ás augas de baño, á información e educación ambiental, á xestión ambiental e seguridade, así como os servizos e instalacións. Polo que dende hoxe as dúas praias con bandeiras azuis: a praia de Area Grande e a do Muíño contarán con servizo de socorrismo ata o mes de setembro. Ademais estos areais están unidos polo sendeiro azul, ruta de 6 km que ofrece un paisaxe de gran beleza natural entre a desembocadura do río e o océano Atlántico.

Para poder manter os estándares de calidade, as praias da vila tiveron unha completa posta a punto nos últimos meses, no que se realizou unha exhaustiva limpeza manual. Esta limpeza é moito máis custosa pero con criterios de sostibilidade medioambiental. O sistema levan empregándose nos últimos anos e consiste na acumulación de lixo en montes ou en sacos, segundo o tamaño dos fragmentos, para que logo un tractor fixera o traslado ata o punto de recollida do camión. En ningún caso se utilizan sistemas mecánicos de rastrillado da area. Con isto se conseguiu un uso da praia e do seu entorno no que a xente pode gozar da natureza.