O Entroido comezará na Guarda esta semana e prolongarase durante 5 días cunha ampla programación de actividades e o tradicional desfile-concurso aberto á participación de todos os veciños e veciñas da vila.

O inicio das festas será o vindeiro venres 9 de febreiro co «Entroido dos coles». Nel, o alumnado dos centros de educación infantil e primaria da Guarda amosarán os disfraces elaborados manualmente para a ocasión, cun desfile que partirá da Alameda ás 12 h e percorrerá a rúa Galicia ata a coñecida como «esquina do Galo».

O 10 de febreiro será o «sábado de güateque» co concerto de Rockin’ Gina & the Sentinels na Alameda a partir das 23:30 h. Deseguido, a música retro tomará o paseo, coa actuación de DJ Guille ata ben entrada a madrugada. A música e o baile continuarán o 11 de febreiro co denominado «domingo das familias», no que contaremos coa actuación da orquestra Abanico na Alameda a partir das 18 h.

As cativas e cativos serán os protagonistas do «luns dos nenos», a festa infantil na que poderán gozar dun obradoiro de maquillaxe, xogos xigantes, un baile de disfraces con concurso e un carriño larpeiro de filloas, todo amenizado por unha discoteca móbil na Alameda dende as 18 h.

Martes de Entroido

A gran festa dos disfraces chegará o Martes de Entroido, coa celebración do desfile-concurso no que poderán participar todos os veciños, veciñas e asociacións da vila. As bases contemplan ata cinco categorías diferentes de participación (carrozas, comparsas, grupos, individual-parellas tanto adulto coma infantil) na modalidade de concurso, cunha ampla variedade de premios.

Nesta liña, as 10 primeiras comparsas e carrozas que se inscriban recibirán unha axuda de 200€ como compensación polo traballo e esforzo realizado. As comparsas e carrozas concursarán por un primeiro e segundo premio (dotados de 250€ e 150€, respectivamente) e nas demais categorías repartiranse ata 18 recoñecementos entre os 6 mellor valorados en cada grupo, cun orzamento total de 1.070€. As persoas interesadas en participar poderán ampliar a información nas bases dispoñibles neste enlace  e realizar as inscricións entre o 30 de xaneiro e o 8 de febreiro.

O desfile partirá ás 17:30 h da coñecida como «esquina Famosa» na rúa San Bernardo, para despois percorrer as rúas Porto Rico e Galicia ata chegar á Alameda, onde se darán a coñecer os gañadores en cada categoría do concurso.

Saborear o Entroido

Como complemento ás festas, entre o sábado 10 e o martes 13 de febreiro ofertarase o popular «Menú de Entroido», cunha completa oferta de alimentos típicos dos que se poderá gozar en 7 restaurantes guardeses a un prezo único de 18€.

Os restaurantes adheridos á iniciativa son: Arruaz, Camping Santa Tecla, La Pizzicata. Novo Funil, O Cangrexal, Xantar e Xeito. Recoméndase, con todo, reservar mesa previamente nos restaurantes para asegurar a dispoñibilidade do menú, do que poderán gozar todas aquelas persoas que gusten dos pratos típicos.