O sábado 21 de setembro, Día Mundial de Limpeza, porase en marcha unha limpeza de residuos dende o Puntal na praia do Muíño ata o Codesal.

A promotor desta actividade é a delegación do Porriño de Smurfit Kappa, empresa do sector de embalaxes reciclables, renovables e 100% biodegradables. Esta empresa a nivel nacional puxo en marcha a iniciativa “Better Planet Packing” que busca reducir os residuos que xeran os embalaxes non biodegradables e abordar os desafíos do lixo que termina nos océanos e vertedoiros en todo o mundo.

Unha acción incluída nesta iniciativa é a celebración do Día Mundial de Limpeza e a delegación de Porriño escolleu as praias naturais da desembocadura do Miño para realizar esta campaña de concienciación entre veciños dos concellos da comarca do Baixo Miño e área de metropolitana de Vigo.

A partir das 10.30h do sábado os 200 participantes percorrerán en dous grupos os tres últimos quilómetros da desembocadura do Miño recollendo os residuos e posteriormente os depositarán nos colectores correspondentes para o seu tratamento e reciclaxe. Os participantes están convidados a visitar as instalacións da delegación de Smurfit Kappa O Porriño.

Esta xornada conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda e efectivos de Protección Civil do Rosal.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e o Concelleiro de Servizos, Paulino Rodríguez, presentaron este martes 28 de marzo a Campaña de sensibilización e de difusión do novo “Regulamento de Limpeza Pública e Recollida de Lixo” do Concello da Guarda, que entrou en vigor o pasado 30 de decembro.

A limpeza pública e, en concreto, este novo regulamento foron e seguen a ser prioridades do equipo de goberno, que traballou dende o comezo da Lexislatura para sacar adiante este Regulamento e que agora o complementa cunha campaña de información e sensibilización, pois saben a importancia que este tema ten para os guardeses e guardesas.

Nesta presentación, que tivo lugar ás 11 horas na Casa dos Alonsos, deuse a coñecer unha campaña coa que o Concello busca facilitar o coñecemento das normas que rexen a limpeza pública e recollida do lixo a partir de agora e promover que todos os veciños e veciñas colaboren en que A Guarda sexa unha vila exemplar pola súa limpeza.

Dentro desta campaña estanse a levar a cabo diversas accións. O Concello da Guarda enviará nos próximos días unha carta de presentación do Regulamento, xunto co propio texto do Regulamento de Limpeza Pública e Recollida de Lixo a tódalas vivendas para que os guardeses o poidan consultar cando o desexen. Ademais, realizouse a edición dun bando para instar á limpeza de fincas, a edición de 100 vinilos instando á recollida das cacas dos cans en espazos públicos, 30 vinilos advertindo da prohibición de pegar carteis nas marquesiñas, 450 para depositar o lixo nos contedores correspondentes e se fabricaron 3 sinais de estrada advertindo da prohibición de pegar carteis en mobiliario e espazos públicos.

Xunto con esta campaña o Concello promoverá a sensibilización no tema da limpeza pública e da separación do lixo, así como do coñecemento das normas que os regulan, a través das redes sociais, promovendo a acción e participación cidadá pois entre todos é posible ter A Guarda máis limpa e fermosa.