• Hai dispoñibles 4.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e na Casa dos Alonso.

A Guarda conta cunha paisaxe e patrimonio destacada e moitos visitantes desfrutan fotografando para gardar esa imaxe no seu recordo.
Como primeira acción de promoción turística para este novo ano acordouse realizar un calendario fotográfico onde as fotos sexan as protagonistas.
Na selección das fotografías procurouse manter a temática da auga e do mar como elemento unificador, sen esquecerse do noso patrimonio e as festas.
As fotografías foron aportadas por tres veciños que comezaron a colaborar co Concello. Na primavera de 2021 mativeronse contactos con fotógrafos afeccionados e veciños da Guarda para mellorar imaxe fotográfica e ofrecer novas panorámicas co estilo propio deste veciños.
Despois destas conversas acordouse a creación do Grupo Capturando A Guarda e que está intregado por Lecio Alonso, Dionioso Ameal e Emilio Baz.
A finalidade deste grupo é que A Guarda mellorará a súa imaxe turística nas diferentes actuacións e accións promocionais e os tres fotógrafos afeccionados poderán dar a coñecer a súas fotos, que estarán identificadas co nome de seu autor e co agradecemento como Grupo Capturando A Guarda.
Na tardiña do luns 10 de xaneiro formalizouse a colaboración conxunta coa sinatura do contrato de cesión de fotografías entre o Alcalde, Antonio Lomba, e os integrantes do Grupo Capturando A Guarda, Lecio Alonso, Dionioso Ameal e Emilio Baz
Neste acto tamén estivo presente o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, que aproveitou para presentar ao Grupo Capturando A Guarda e tamén ao calendario fotográfico como a súa primeira participación dentro do proxecto para a renovación imaxe fotográfica da nosa vila.
O calendario fotográfico Concello da Guarda será distribuído entre veciños, visitantes e turistas para que leven un cachiño impreso do noso paisaxe. Hai dispoñibles 4.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e na Casa dos Alonso.

Unha semana máis o Centro Cultural da Guarda acolleu un destacado evento cultural. A pesar do mal tempo da pasada fin de semana, numerosas persoas achegáronse o venres día 3 de febreiro á presentación da publicación “Camiños da Imaxe”.

Ante veciños e veciñas, representantes do goberno local e os deputados provinciais Montse Magallanes, Xosé Leal e Javier Dios, presentouse un libro que fala da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”. Trátase dunha obra que xa foi exposta ao público na exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

O acto foi inaugurado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, que agradeceu a tódolos asistentes a súa presenza e tivo un especial recoñecemento para a concelleira e a técnico de cultura pola paixón e esforzo postos neste proxecto. Ademais destacou que, fronte ás persoas que pensan que na Guarda non pasa nada, existen outras que crean e xeran espectáculo, como o homenaxeado Costiña. Tamén salientou a labor de Proxecto Socheo, responsables da exposición e da publicación, e por suposto, puxo en valor a figura de Costiña e da súa obra, entre a que se atopan uns filmes que levan aos guardeses e guardesas á súa infancia e á historia máis íntima da vila.

A seguinte intervención foi a de Ricardo Silva, portavoz da familia de Costiña, que agradeceu aos veciños, amigos, familia e autoridades pola súa presenza, así como as palabras do alcalde e o traballo de Proxecto Socheo. Expresou a satisfacción plena como familia por esta homenaxe, moito máis do que puidera soñar un fotógrafo como foi Costiña, un artesán da fotografía vencellado ás xentes máis humildes.

Pola súa banda o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, expresou a súa alegría por acudir á Guarda a un acto como este. Presentouse, afirmou, unha publicación que amosa un gran cariño polo eido e o patrimonial audiovisual da vila, de gran importancia para recordar o pasado e para que o podan desfrutar tódalas xeracións. Destacou a Costiña como unha persoa que apostou polo cinema, algo difícil hoxe, canto máis na súa época.

A continuación Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, realizaron unha detallada presentación do libro. Primeiro agradeceron o apoio do Departamento de Cultura do concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, que permitiu a materialización da publicación. Así como dos familiares de Costiña, en especial as súas netas, por facer posible o acceso ó arquivo do fotógrafo.

Todo isto permitiu realizar unha publicación que, afirmaron, conta con textos de grandes expertos do cinema, tanto locais como estatais, que acompañan á obra do fotógrafo. Tamén falaron dos capítulos da publicación, que inclúe diferentes temas como a propia figura de Costiña, A Guarda na época, a fotografía neses anos, etc. A Guarda, afirmaron, é terra de nacemento e paso de grandes fotógrafos.

Ademais, compartiron un vídeo-ensaio sobre os filmes de Costiña, uns filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés. Neste vídeo expuxeron datos sobre a vida do autor, as súas técnicas de filmación, a montaxe, os planos e secuencias, os movementos de cámaras, a experimentación coas luces e imaxes que marcaron a obra de Costiña, e os diversos valores do seu traballo, dos cales o principal é o seu valor documental.

Para concluír a velada, os presentes puideron desfrutar do visionado do filme de Costiña, acompañados dunha interpretación musical en directo do pianista Karolis Biveinis. Este foi un momento moi emotivo, no que se puido ver como os presentes se divertían antes as ocorrencias das fillas do fotógrafo, grandes protagonistas do filme. Tamén se viron imaxes de temporais da época na costa e dos mariñeiros, así como diversos paisaxes e lugares da vila, que o público recoñecía a pesar do paso dos anos. Deste xeito rematou unha noite moi especial de homenaxe a unha das figuras máis destacadas da historia e da cultura da Guarda.

Este venres, 3 de febreiro, o Centro Cultural da Guarda abrirá as portas do seu Salón de Actos para acoller a presentación da publicación “Camiños da Imaxe” a partir das 20’30 horas. Trátase dun libro que inclúe a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, obra que xa foi exposta ao público nunha exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

Na presentación deste libro estará o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e Ricardo Silva como portavoz da familia de Costiña. Ademais a presentación estará ao cargo de Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, comisariados da exposición do verán.

Neste evento presentarase unha publicación que recolle a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña, pioneiro do cinema guardés, do que foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

A presentación irá seguida da proxección destes filmes de Costiña, nos que se poden ver paisaxes locais como a costa, o monte, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo); así como escenas da vida cotiá protagonizadas pola familia do fotógrafo, especialmente polas súas fillas Joaquina e Celia. A proxección estará acompañada por unha interpretación musical do pianista e compositor Karolis Biveinis.

Con este acto completarase unha completa semana de actividades realizadas en torno á obra de Costiña e que é resultado dunha inquedanza mostrada dende o concello da Guarda, tras a exposición que tivo lugar no verán, para realizar un esforzo por dar a coñecer a obra de Costiña a tódolos guardeses e guardesas. Con este obxectivo durante esta semana traballarase cos colexios de primaria da vila nos que Xurxo, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de Costiña e a importancia do autor guardés. A vindeira semana tamén se continuará esta labor de difusión coa proxección das imaxes nas asociacións de Avelaíña e San Xerome, así como na Residencia da 3ª Idade e en Centros da E.S.O.

Ademais, o mesmo día da presentación do libro volverá a estar aberta ao público a exposición “Camiños da Imaxe”, que permanecerá no Centro cultural ata o sábado 18 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres en horario de mañá, de 10 a 13 horas, ou de tarde, de 17 a 20 horas. Os sábados só en horario de mañá.

Deste xeito os guardeses e guardesas que non puideron acudir á exposición no verán teñen unha nova oportunidade de coñecer as fotografías e imaxes de Costiña e aqueles que xa a viron poderán volver a desfrutar da excepcional obra dun guardés ilustre.

O concello da Guarda acolleu este luns, día 7 de novembro, ás 12 horas, a entrega dos galardóns ós premiados do “Concurso Día Mundial do Turismo”. Este certame, organizado dende a Concellería de Turismo da Guarda, conmemora o Día Mundial do Turismo, celebrado o pasado 27 de setembro, á vez que promove a creatividade no ámbito da fotografía e tamén pon en valor os recursos naturais, patrimoniais e atractivos turísticos da vila.

A este acto acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Turismo, Montse Magallanes; o primeiro premiado, Francisco Javier González Fernández, de Vigo; e unha persoa en representación de Tatiana Soynikova, da Guarda, que recibiu o terceiro premio. O segundo premiado, Salvador Linares Fernández, non puido acudir, dado que reside en Valencia, pero xa se puxo en contacto co concello para expresar a súa alegría polo recoñecemento.

Durante o discurso previo á entrega dos premios, o alcalde da Guarda deu os seus parabéns ós premiados, comentou as tres imaxes e destacou o curioso feito de que as tres fosen imaxes do Porto. De feito, das 33 obras presentadas a concurso, a gran maioría, 20 fotografías, eran do Porto. Do resto, había imaxes de praia, do Castelo de Santa Cruz, do Estuario, das alfombras do corpus e doutros lugares da vila.

Pola súa banda, a concelleira quixo amosar a súa satisfacción pola participación e o nivel das obras presentadas polos participantes, un total de 9 autores dos que 5 eran da Guarda, 2 de Nigrán, 1 de Vigo e outro de Valencia.

A continuación, o alcalde e a concelleira fixeron entrega dos premios, que consistían, para o primeiro premiado, nunha estancia de 7 noites no Aparthotel Marouco; o segundo premio, nunha estancia de 7 noites no Camping Santa Tecla; e o terceiro, unha cena para dúas persoas no Restaurante Casa Chupaovos. Ademais, tamén recibiron un diploma e un pequeno detalle feito a man.

Por último, o alcalde agradeceu a Juan Castro, do Restaurante Chupaovos e a Jose Coello, dono do Aparthotel Marouco e do Camping Santa Tecla, a súa colaboración.

Durante o distendido acto, tanto os participantes como as autoridades e hostaleiros presentes coincidiron en que A Guarda é un lugar único pois, a pesar de ser unha vila pequena, ten unha gran variedade de paisaxes e lugares fermosos e moi distintos. Isto fai difícil plasmar o que representa a Guarda nunha soa imaxe. Non obstante, a calidade das tres imaxes premiadas fixo que foran as elixidas para representar á Guarda e protagonizar as próximas campañas turísticas do concello.