O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores en FITUR cun obxectivo claro: que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González.

Todo conseguido, como sinalaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño,  grazas “ao esforzo colectivo dos 14 concellos que compoñen o Xeodestino, porque ese traballo xuntos e xuntas, en equipo, sen fisuras, é o que fai que sexamos máis fortes”. “É un orgullo ter sacado con este éxito o noso Xeodestino, que para nós supón un reto, para o noso territorio unha mellora e para os nosos veciños e veciñas unha nova forma de entender, gozar e divulgar todo o que temos”, recalcou.

Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que están a facer un excelente traballo poñendo en valor os produtos locais do Xeodestino e ofrecendo ás e aos turistas a mellor versión do territorio. O chef de cociña do Hotel Talasso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.

José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Forno de Mosende do Pan do Porriño agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.

O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.

No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino xunto aos de Nigrán e Tomiño, como Antonio Lomba, da Guarda; Carlos Gómez, de Baiona; Paco Ferreira, de Gondomar; Nidia Arévalo, de Mos; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández Callís, do Rosal; Eloísa Nogueira, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; Agustín Reguera, de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, de Tui, ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio e técnicos e técnicas do territorio.

Cada ano A Guarda como destino turístico destacado conta cun especial protagonismo nas presentacións da Deputación de Pontevedra e do Xeodestino Ría de Vigo Baixo que se realizan durante a Feira de Turismo de Madrid, FITUR.
O xoves 20 de xaneiro no stand de Turismo de Galicia tivo lugar a presentación da campaña promocional “Mulleres do Camiño Portugués” do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño e A Guarda ofreceu a súa experiencia no Camiño Portugués da Costa.

 

 

 

 

 

Nesta presentación estiveron presentes profesionais de diferentes ámbitos do turismo onde ofreceron a súa experiencia no camiño e no trato diario cos peregrinos. O Concello da Guarda estivo representado pola técnico de Turismo, Rosalía Verde, que trasladou aos asistentes a atención prestada na Oficina de Turismo e a relevancia da Guarda como primeiro municipio galego do Camiño Portugués da Costa.
Ademais nesta presentación presentouse o vídeo promocional da campaña para este 2022 onde cinco mulleres vinculadas ao turismo contan a importancia social e económica do camiño para os concellos do Camiño Portugués e da Costa. As cinco mulleres protagonistas do vídeo son Mar Rodríguez, de Teetravel; Lucía Fragata, de Turismo de Baiona; Noelia Martínez, de Casa do Marqués; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo; e Rosalía Verde, de Turismo A Guarda.
Ademais asistiuse á presentación da campaña “Love Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra e no seu vídeo promocional amosan a historia de 7 persoas que se achegaron ata a provincia e decidiron quedarse a vivir. Unha destas protagonistas é Daniela Savic, naceu en Eslovenia e chegou A Guarda como xogadora de balonmán e agora continúa como adestradora. A través do seu relato e as panorámicas da vila converteuse nunha excelente embaixadora do noso concello.


Os interesados en coñecer A Guarda tiñan no stand de Turismo de Galicia material turístico e calendarios fotográficos do Concello.

 

Posta de longo por todo o alto en FITUR do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. A Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e alcaldes, alcaldesas e outros representantes dos 14 concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) presentaron este mércores en Madrid o primeiro produto do xeodestino: unha ruta turística polo primeiro reino medieval de Europa. Trátase dun percorrido artellado a través de diferentes etapas, dende os primeiros poboadores que deixaron o seu selo nas pedras ata os nosos días. “Buscamos impulsar a creación de produto que evidencie a importancia do rol desempeñado polo noso xeodestino na historia de Galicia, un produto sostible, singular, perdurable e diferente”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, durante a presentación.

Esta ruta ten un marcado enfoque vertebrador do xeodestino: que o turista se mova por todo o territorio de Ría de Vigo e Baixo Miño. “Persoas que durman en Tui terán escusas para visitar San Simón e as que fagan noite en Baiona seguro que poderán achegarse ao Baixo Miño”, destacou Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, quen recalcou que “queremos ofrecer ao turista elementos perdurables e que nos identifiquen. Na actualidade, as persoas son moi activas percorrendo un destino e compartindo a súa experiencia nun mundo cada vez máis dixital. A nosa proposta é que esa experiencia, eses recordos, sexan gardados para a posteridade”.

Para conseguilo, o Xeodestino xa ten a disposición do público dous elementos promocionais singulares. Por un lado, unha postal sonora, unha postal para enviar por correo coa imaxe aérea de Tui e cunha pisa de audio engadida que se poderá escoitar nun tocadiscos ou a través dun código QR. Nesta postal soa músicade Frai Rosendo Salvado, emblemático misioneiro de Tui que levou a Galicia ás Antípodas, interpretada pola prestixiosa pianista tudense Andrea González. Haberá unha postal por cada un dos 14 concellos do xeodestino.

Ademais, o público poderá ter información deste primeiro destino turístico grazas a un mapa do xeodestino, ideado como un mapa ou folleto coleccionable que asegure a súa perdurabilidade. Este primeiro mapa conta cas ilustracións da artista plástica María Meijide, que recolle un percorrido pola historia do xeodestio a través de catro etapas diferenciadas: antiguidade, medievo, idade moderna e idade contemporánea.

Plans de futuro

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño conta cunha folla de ruta para os vindeiros 5 anos centrada en 10 liñas de traballo a través das que xerar produto, “10 apostas que non deben de ser compartimentos estancos, senón que aparecerán nexos comúns e se buscarán sinerxías”, como explicou durante a presentación a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. “Galicia destaca polo seu patrimonio, a súa historia, a súa cultura, pero tamén pola súa paisaxe e recursos naturais, pola súa gastronomía e, como non, unha xoia: o Camiño de Santiago”, recordou ao tempo que destacaba outros elementos que favorecen a singularidade do territorio, como a pedra, a fronteira con Portugal, a auga, a práctica deportiva, as festas ou ofrecer un destino turístico tradicional e contrastado para familias en período estival. “E é que a ampla variedade de recursos que conviven na Ría de Vigo e Baixo Miño facilitan artellar o produto turístico, iniciativas que buscarán levar á excelencia a experiencia turística das persoas que nos visitan”, concluíu.

Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 22 ao 26 de xaneiro, a súa 40ª edición.

A Guarda promocionarase como en anos anteriores no stand de Turismo de Galicia e o mércores 22 participará na presentación oficial do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño co seu primeiro produto coa temática “Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa”. A Guarda forma parte deste Xeodestino que se creou no 2019 e ao longo do pasado ano estívose traballando na elaboración do Plan Estratéxico con horizonte 2025. Esta presentación será ás 18.00h no espazo habilitado para os eventos no stand de Turismo de Galicia.

Na xornada do xoves 23 destaca a asistencia á dúas presentacións. En primeiro lugar á presentación da Deputación de Pontevedra co Destino Rías Baixas onde A Guarda como destino turístico sempre está presente e tamén será no stand de Turismo de Galicia.

A terceira e última presentación terá lugar no stand de TURESPAÑA coa Presentación dos Destinos Europeos de Excelencia (EDEN) e a entrega oficial aos premiados na 9ª edición coa temática Turismo de saúde e Bienestar coa asistencia da Secretaria de Estado de Turismo. A Guarda asistirá como convidada ao ser Destino EDEN dende 2010. Ademais haberá unha mesa de traballo dos Destinos EDEN para definir os obxectivos de promoción para vindeiros anos.

Durante estas xornadas a delegación da Guarda, encabezada polo Alcalde, manterá diversas reunión con maioristas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño está a piques de celebrar a súa posta de longo. Os 14 alcaldes e alcaldesas dos concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.

O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu este luns 13 a reunión dos alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o Xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexidor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos e deron os primeiros pasos para nomear a un novo representante institucional, cargo anual que durante o arranque do Xeodestino ocupaba Baiona.

Proxectos comúns

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.

Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 23 ao 27 de xaneiro, a súa 39ª edición.

Un ano máis A Guarda promocionarase no stand de Turismo de Galicia. Ademais o xoves ás 12.00h tamén estará presente no acto organizado pola Deputación de Pontevedra onde se promocionará o Destino Rías Baixas como Destino gastronómico dentro da campaña “Fame de Experiencias” no que o Concello da Guarda estará presente grazas a nosa importancia gastronómica e tamén a Festa da Langosta e Cociña Mariñeira, Festa de Interese Turístico de Galicia.

Durante estas xornadas a delegación da Guarda, formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Teresa Vicente, manterán diversas reunións con axencias e maioristas en turismo cultural, ornitoloxía e cruceiros ademais de asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

Trala recente creación do Xeodestino Ría de Vigo – Baixo Miño este é o primeiro ano que haberá un espazo adicado ao Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño onde os 14 concellos promocionaranse conxuntamente. Aproveitando esta ocasión foi convocado para o xoves ás 18.00h na sala de reunións do stand de Galicia una reunión de traballo institucional do Xeodestino da Ría de Vigo-Baixo Miño onde estarán todos os alcaldes e a empresa responsable da elaboración do Plan Estratéxico informará das actuacións previstas. Ademais a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, asistirá á reunión técnica dos Destinos EDEN que cada ano se convoca coincidindo coa celebracion de FITUR.