O Concello da Guarda participou por cuarta vez nas xornadas profesionais do Fairway, o V Fórum do Camiño de Santiago que se celebrou o xoves e venres pasados no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.
Durante as dúas xornadas o Concello da Guarda participou no Workshop que é o espazo adicado as reunións de traballo na que estiveron presentes preto de 40 axencias de viaxes e turoperadores de 16 países.
Estas reunións de traballo permitiron o intercambio de información entre as axencias e o Concello. Ademais de promocionar A Guarda como o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa e tamén como punto de comezo do camiño, procurouse coñecer das propias axencias a súas experiencias e as necesidades dos actuais peregrinos.
Nas máis de 30 reunións mantidas aproveitouse para destacar A Guarda como destino turístico cos seus grandes referentes: Monte Santa Trega, a cultura mariñeira, a gastronomía e, sen esquecer, o seu patrimonio natural e cultural tan relevante.
Estes contactos mantidos coas axencias e turoperadores confirmaron que estas empresas xa teñen ao noso concello dentro da súa oferta pero si agradeceron a nova información para mellorar os seus produtos.
No caso doutras empresas que asistiron ao Fairway para comezar a dar os pasos para comercializar novos produtos, valoraron moi positivamente a información da Guarda e do noso camiño. Nesta semana xa continuaron estes contactos polo que no vindeiro ano, novas axencias ofrecerán A Guarda como etapa de inicio, o que facilitará que os peregrinos podan coñecer con máis detalle o noso concello antes de comezar a peregrinación a Santiago.
Na sección aberta ao público o Camiño Portugués da Costa estivo presente no stand de Turismo Rías Baixas e no stand de Turismo de Galicia.