• A Guarda apostou novamente por unha tradición moi arraigada na vila e convida a veciños e visitantes a gozar da elaboración das alfombras florais.
  • O bo tempo acompañou, propiciando unha fin de semana excepcional para visitar a vila da Guarda
  • Coma novidade este ano recuperouse a alfombra de sal na rúa da Ribeira, despois de varios anos sen facerse.

 

 

A Guarda acolleu a pasada fin de semana a festividade do Corpus, dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron ao longo desta fin de semana na confección das Alfombras Florais.

 

Deste xeito, traballouse a reo entre os veciños e veciñas do pobo que, colectivamente, organízanse para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, para culminar coa realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, dende o mediodía do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalanaron para esta ocasión.

 

Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.

 

A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.

 

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor.

Decenas de veciñas e veciños traballarán durante a noite do sábado na decoración das rúas coas tradicionais alfombras floráis | Esta será a derradeira fin de semana para gozar da ruta gastronómica «Tapearte». 

O municipio guardés preparase dende hai semanas para vivir unha das súas festividades máis destacadas, coa elaboración das tradicionais alfombras floráis que cubrirán as principais rúas do casco antigo da vila na fin de semana do Corpus Christi. Decenas guardesas e guardeses traballan arreo estes días para ultimar os preparativos, que comezarán a tomar forma durante a tarde e a noite do sábado. 

 

A veciñanza e os visitantes poderán gozar dos coloridos tapices xa na mañá do domingo, tras toda unha noite de traballo. Estes poderán contemplarse na Praza do Reló, a praza Ignacio Sobrino, a praza José María Lomba e  e as rúas Oliva, Hernán Cortés, Malteses e Concepción Arenal, así como na zona da Ribera. A contorna desta rúas permanecerá pechada ao tráfico ata o remate da tradicional procesión, que partirá dende a Igrexa parroquial de Santa María unha vez rematada a misa (12:30 h). 

Últimos días para «tapear»

A sexta edición da ruta gastronómica «Tapearte» chegará ao seu fin esta fin de semana, coincidindo coa celebración da festividade do Santísimo. Con máis de 2.800 tapas xa servidas, os 19 bares e restaurantes participantes prepráranse para acoller a partir de mañá aos «ruteiros» e as «ruteiras» máis rezagadas, que poderán gozar dunha variada oferta de tapas a un prezo único de 2€ durante o mediodía e a tardiña deste venres, sábado e domingo.

Os comensais dispón dun pasaporte no que, ademais de atopar a información detallada sobre cada unha das tapas, poderán selar aquelas que xa teñan degustado e participar no sorteo dun smartphone Samsung Galaxy 7J. Para isto, será preciso depositar os pasaportes cun mínimo de 6 selos nas urnas disponibles en cada un dos establecementos participantes e na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Ademais, aquelas persoas que reúnan un mínimo de 10 selos, recibirán como agasallo directo un lote de viño Pazo de Seoane da Adega Lagar de Fornelos(O Rosal).