A programación cultural de cara a fin de semana comezará mañá con música e cinema familiar, dando paso uns últimos días do ano cheos de plans para todos os públicos, con teatro, xogos acuáticos e a visita da Apalpadora.

Mañá, 28 de decembro, continuará «Música na rúa» coa actuación de A Boalleira a partir das 11:00 horas. O grupo de gaitas percorrerá a vila amenizando a mañá aos guardeses e guardesas e introducíndonos no ambiente festivo propias destas datas. Paralelamente, todas aquelas persoas que se acheguen á Praza de Abastos poderán gozar dun chocolate quente de balde.

Xa pola tarde, os máis pequenos da casa e as súas familias terán unha cita co mellor cinema de animación no Centro Cultural. A programación do ciclo «Cinema de Nadal» comeza mañá ás 17:30 coa proxección de «Vaiana», unha divertida película de animación que narra a historia dunha rapaza que desexa navegar polo océano e coñecer mundo. A entrada será gratuiíta e libre ata completar as prazas dispoñibles.

O venres, 29 de decembro, o Centro Cultural acollerá a obra de teatro «Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira» , dirixida ao público adulto. O público poderá asistir, a partir das 21:00 horas, ao novo espectáculo cómico do dúo Mofa e Befa, no que a filosofía será a gran protagonista. A entrada será de balde e o tícket poderá recollerse no Centro Cultural ou o departamento de Cultura do Concello da Guarda.

Xa o sábado, pequenos e maiores poderán achegarse á Piscina Municipal para despedir o ano na auga. O «Chapuzón Navideño» comezará ás 11:00 horas e contará cun gran inchable acuático no interior da piscina. Esta actividade é de balde e non precisa de inscrición previa.

A música polas rúas guardesas continuará tamén o sábado coa Charanga Cantos Somos a partir das 11:00 da mañá percorrendo distintos puntos da vila. Xa pola tarde, a Apalpadora achegarase á Guarda para falar coas nenas e nenos e entregarlles landras para plantar nos nosos montes. A cita será ás 19:00 horas na Casa dos Alonso.