O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis empregada polos peregrinos para realizar a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando arestora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés.

A pesares de ser a última ruta xacobea oficializada o incremento de peregrinos desta foi incrementándose notablemente, destacando no Concello da Guarda un aumento nas pernoctas en hoteis e no Albergue Municipal, así como no tránsito de peregrinos que inician este camiño en Portugal, atravesando despois o Río Miño e tamén os que inician o mesmo na vila da Guarda.

O Albergue municipal, a día de hoxe xa superou os 5000 peregrinos, sendo agosto e setembro os meses de maior afluencia cunha ocupación media de 32 camas, das 36 dispoñibles. De igual xeito neses meses o resto de aloxamentos da localidade tamén tiveron unha alta ocupación de peregrinos.

Hai que ter en conta que no pasado ano 2018 a ocupación total do Albergue Municipal foi de 3600 peregrinos.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino do mes de setembro, os peregrinos realizan principalmente o seu traxecto a pé(máis dun 90%), seguidos polos que o realizan en bicicleta(5%) e do total de peregrinos que remataron o seu camiño en Santiago, un 8,55% empregou o Camiño Portugués da Costa.

A evolución do Camiño Portugués da Costa ten sido extraordinaria, con preto de 7329 peregrinos no 2017, 13.841 peregrinos no 2018 e 19.378 peregrinos ata o mes de setembro deste ano 2019.

O Ano Santo 2021 traerá consigo unha extensa e detallada programación que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

Neste senso se teñen posto en marcha distintas liñas de actuación como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento. No eido cultural, puxo en valor as máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa O teu Xacobeo, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como Cultura no Camiño, Camiños Sonoros ou Vive o Camiño.

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Turismo, participa na segunda edición de Fairway, o Foro do Camiño de Santiago que se celebra entre o 12 e o 14 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

O foro ofrece un punto de encontro entre profesionais do sector turístico, representantes institucionais e expertos, cunha ampla programación de mesas redondas e relatorios sobre diversas temáticas relacionadas coa ruta xacobea. Así, máis de 30 turoperadores e axencias especializadas de quince países diferentes participarán nestas xornadas, onde A Guarda está presente no expositor de Deputación de Pontevedra – Turismo Rías Baixas.

O departamento de Turismo mantén dende esta mañá unha intensa axenda de encontros con máis da metade de turoperadores e axencias especializadas en turismo de peregrinación de carácter internacional (Alemaña, Irlanda, Estados Unidos, Sudamérica, Arxentina ou Brasil, entre outros).

A participación nesta feira profesional permite ao noso Concello manter contactos con outros sectores -como os de transporte de viaxeiros, centrais de reservas, software turístico ou de saúde dos peregrinos-, así como cos departamentos de Turismo de distintas Comunidades Autónomas, Deputacións e municipios españois e portugueses, cos que se poderán xerar novas sinerxías en prol do Camiño Portugués da Costa e da nosa vila.