Recreación histórica no Monte Santa Trega este domingo

A Comunidade de Montes de Camposancos en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda, a Entidade Local Menor de Camposancos e a Deputación de Pontevedra, organizan o domingo día 22 de setembro a «Festa da Recreación Histórica da Idade de Ferro na Galiza».

Este evento terá lugar no Parque de Chans de Camposancos, no Monte Santa Trega a partires das 15:30h da tarde cunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa produción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio.

Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que van facer partícipes ao público asistente a esta festa.

Dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.

A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha, a primeira parte terá lugar de 15:30h a 17:00h, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo “A Voar”, especialmente pensado para o público infantil e segunda parte da recreación terá lugar a partires das 18:00h, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.

Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán desfrutar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax.

Comentarios

Leave a Reply