«Petiscos con arte» emprende a súa derradeira fin de semana con máis de 1.000 racións xa servidas

A ruta gastronómica «Petiscos con arte» emprende a partir de mañá a súa derradeira fin de semana con máis de 1.000 petiscos servidos durante os seus tres primeiros días.

A iniciativa, na que participan 15 establecementos guardeses, combina a gastronomía en pequeno formato con exposicións artísticas, a un prezo único de 1,50€ a degustación. Así, as persoas participantes na ruta poderán catar distintos petiscos mentres contemplan as obras de pintura, escultura e fotografía expostas nos establecementos.

As persoas interesadas en realizar o percorrido gastronómico e artístico dispoñen dun folleto informativo no que se recollen todos os locais participantes, cunha fotografía e descrición do petisco ofertado e unha breve referencia ao artista e ás obras que se poderán contemplar en cada un deles.

O percorrido pode realizarse este venres, o sábado e o domingo, en horario de mañá (12:00 a 14:00 horas) e tarde (18:00 a 21:00 horas). Cada participante na ruta en calidade de comensal recibirá unha papeleta coa que poderá participar no sorteo de 5 lotes de viño albariño da Adega Gran Novás, colaboradora nesta iniciativa gastronómica. Para participar no sorteo, que se celebrará o próximo 29 de novembro, soamente será necesario degustar un petisco e, posteriormente, cubrir e depositar o boleto debidamente cumprimentado nos buzóns dispoñibles en cada un dos locais participantes.

Comentarios

Leave a Reply