Os hoteis da Guarda rematan un excelente verán para o sector rozando o 100% de ocupación nestes tres meses

Chega setembro, mes no que nos despedimos do bo tempo e do verán, e é hora de facer balance antes de comezar o novo curso. Na Guarda, para o sector turístico en xeral, este foi un dos mellores veráns dos últimos anos, cunha afluencia constante de turistas durante os meses de xuño, xullo e agosto.

Así o corroboran tamén os establecementos de hostalería da vila que fan unha valoración moi positiva do verán de 2016. Afirman que o mes de xuño foi, en datos, moi similar ó de 2015. Pola súa banda, os meses de xullo e agosto foron excelentes, uns meses de constante traballo tal e como amosan os datos recollidos.

No caso dos hoteis da Guarda, viron mellorados sensiblemente os datos de ocupación.

A tendencia ascendente que xa se observou o ano pasado continuou, cun constante incremento da ocupación. De media, os datos de xullo aumentaron nun 20%, e en agosto nun 10%, con respecto ó mesmo período do ano pasado. Isto fixo que, nos dous meses, a maioría de hoteis colgaran o cartel de “completo”, cunha ocupación de practicamente o 100%.

Para os restaurantes tamén foi un verán de moito traballo, cun mes de xuño moi similar ao do 2015 e uns meses de xullo e agosto que non se poden clasificar por menos que excelentes.

Pódese dicir que, en xeral, para os establecementos de hostalería e para o sector turístico da Guarda en xeral os meses de xuño, xullo e agosto deste ano 2016 foron dos mellores dos últimos anos, cunha campaña de verán moi satisfactoria.

Comentarios

Leave a Reply