O Concello da Guarda renovou este ano os mapas turísticos, ferramenta base para moitos visitantes da vila. Con esta renovación, o mapa turístico adaptouse aos novos tempos, optando por un formato máis visual e reducindo o texto explicativo.
Deste xeito, engádense imaxes dos puntos de interese da Guarda, polo que o turista pode ter esa referencia visual antes de chegar ao destino. Por outra banda, mantense a ampliación do casco urbano para facilitar a mobilidade dos visitantes polas rúas da Guarda.
Nesta nova adaptación, non só se tivo en conta as tendencias actuais, cun deseño que imita as acuarelas e máis simplificado, senón que tamén se fixo pensando no medio ambiente, polo que os mapas están feitos con materiais reciclados.
Ademais, o mapa inclúe Qrs cos que acceder directamente a diferentes rutas propostas para coñecer mellor a nosa vila adaptándose ao tempo e preferencias de cada un, e tamén pódese acceder ás visitas virtuais que ofrece a páxina de turismo do Concello.
Estes mapas estreáronse coa promoción da Guarda en FITUR a comezos de anos e, coa chegada da época de maior afluencia turística, xa se repartiron, xunto con outro material turístico, polas Oficinas de Turismo e hoteis do Baixo Miño.
Comentarios