Maica Larriba anuncia que o Goberno investirá un millón de euros na Guarda para potenciar o turismo sostible e pór en valor o seu patrimonio ambiental e histórico

  • A subdelegada do Goberno reuniuse hoxe co alcalde da localidade para abordar este investimento, que permitirá recuperar a praia do Muíño, potenciar o turismo náutico e dotar dun novo aparcamento disuasorio na subida ao Trega , entre outras iniciativas
  • Ademais, a subdelegada adiantou que Costas investirá 150.000 euros para rehabilitar a senda litoral e recuperar a zona dunar do Codesal, gravemente afectada polos temporais
  • Maica Larriba reitera a vontade do Goberno de “fortalecer a oferta turística da provincia”

 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou o compromiso do Goberno coa provincia e co desenvolvemento do turismo sostible esta mañá no Concello da Guarda. Alí reuniuse co seu alcalde, Antonio Lomba, para abordar as diferentes actuacións derivadas da execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, que supón unha inversión de 1 millóns de euros para promover diferentes accións encamiñadas a potenciar o turismo sostible e por en valor o patrimonio ambiental e histórico desta vila.

Este Plan, financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, que persegue impulsar o turismo verde e gastronómico na cidade, promovendo a algunhas citas gastronómicas xa existentes na localidade e que xa son un referente nacional, como a festa da Lagosta ou do Peixe Espada.

Entre as actuacións planificadas polo Concello para promover o turismo verde e sostible destácase un estacionamento disuasorio no Trega para limitar o número de vehículos que suben ao cumio, potenciar o turismo náutico deportivo e tradicional coa instalacións de pantaláns flotantes e recuperar a praia do muíño da erosión que sufre.

Así mesmo, a aposta pola dixitalización apuntalarase coa organización de feiras virtuais, famtrips e blogtrips, e co desenvolvemento dun plan de formación para o sector turístico. A estratexia deseñada recolle tamén a creación dun observatorio turístico, así como a constitución dun ente xestor con profesionais cualificados neste ámbito.

 

Para Maica Larriba, “este Plan permitirá actualizar e apuntalar un destino sinalado e de referencia para Galicia e para o conxunto da provincia, como é A Guarda, contribuíndo a deseñar unha oferta atractiva e sustentable para o turismo da cidade e, en definitiva, de Pontevedra””.

150.000 euros para arranxar os danos causados polo temporal no Codesal

Xunto a este Plan, Maica Larriba anunciou que o Ministerio de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, a través de Costas do Estado, tamén vai subvencionar con 150.000 euros a restauración ambiental da conxunto do Codesal, gravemente afectado polos temporais do inverno. A subdelegada, que visitou a zona xunto ao alcalde, informou de que a intervención prevé retranquear a senda litoral e recuperar a zona dunar existente neste enclave, co obxectivo de restablecer a mobilidade no lugar e contribuír a protección do areal.

Así pois, destacou a subdelegada, “o Goberno de España inxectará máis dun millón de euros na Guarda para promover o turismo sostible e o conservar seu patrimonio e que dan fe do compromiso que o Goberno mantén con Pontevedra e co conxunto de Galicia”.

Na súa intervención, Maica Larriba reiterou o compromiso do Executivo coa modernización e transformación do turismo en Galicia e, en particular, na provincia de Pontevedra. Neste sentido, Larriba destacou que “desde o Goberno temos a certeza de que o potencial turístico de Pontevedra non ten límite e estamos en disposición de aproveitalo con inversións para fomentar un turismo de calidade e sustentable”. Así mesmo, a subdelegada tamén felicitou o alcalde polo traballo que están a realizar neste sentido.

Pola súa banda, Antonio Lomba agradeceu a visita da subdelegada, e destacou “a importante inversión estatal, necesaria para relanzar o turismo na localidade, e en concreto, nun dos puntos turísticos máis importantes de Galicia, como é o Trega”.

Comentarios

Leave a Reply