Os tronos e a choiva cos que se espertou esta mañá A Guarda deron paso ao mediodía a un apracible domingo repleto de actividades co que o Concello poñía punto final á trixésima edición da “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira”. A gastronomía, a música en directo e as travesías a bordo dun barco tradicional como o “Piueiro” foron os principais atractivos dunha festa que se prolongou tres días e da que gozaron numerosos veciños e visitantes. Un programa máis que apetecible co que se identificaron miles de persoas, desde os amantes da boa música aos que saben apreciar a boa mesa.
O difícil obxectivo de agradar a todos por igual cumpriuse no trinta aniversario dunha celebración que comezou por unha casualidade -en 1991 houbo unha inusual abundancia deste crustáceo nas súas costas e decidiuse facer unha festa de exaltación do produto- e que, hoxe, salvo os dous anos máis duros da pandemia, non deixou de crecer en admiradores.
Ademais dos veciños, estes días na Guarda déronse cita numerosos turistas, algúns deles vellos coñecidos e outros que celebraban a súa primeira vez nun pobo que conta con todos os encantos dunha vila mariñeira, incluídos uns arredores espectaculares.
Diso poden dar fe, por exemplo, algúns dos músicos que protagonizaron o Festival Mar de Blues e que o sábado ao mediodía achegáronse ata o Monte Santa Tegra para admirar a paisaxe desde a cima. Precisamente, eles foron os protagonistas indiscutibles da noite do sábado -e parte da madrugada- cunha ‘jam session’ inesquecible que congregou no escenario da Praza do Reló a intérpretes da talla de Will Jacobs, Remi Bankyln, Julian Vaughh, Javier Vacas, Marcos Coll e Javier Turnes, entre outros instrumentistas. Desde Chicago a Londres, pasando por Santiago de Compostela ata A Guarda, o cartel do Mar de Blues atraeu a un bo número de persoas, que acabaron namoradas do potente directo destes músicos, que improvisaron con ata cinco formacións diferentes.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes; e o concelleiro de Festas e Turismo, Rafa Álvarez, subíronse ao escenario para agradecer aos intérpretes a súa participación no evento e agasallarlles con algúns recordos da vila e do seu paso pola festa.
E se a noite foi para o blues e o mediodía para a lagosta e outros manxares mariños, a tarde tivo un claro protagonista: o “Piueiro”. A embarcación tradicional, unha das máis representativas do pobo guardés xunto coa gamela, realizou viaxes durante toda a tarde para mostrar aos visitantes a navegación do barco co que os mariñeiros guardeses ían ata Gran Sol. Unha odisea que relatan os experimentados membros da asociación, formada na súa maioría por armadores e pescadores xubilados.
Erea Castro, o broche de ouro a tres días de festa ao redor da lagosta
O roteiro das cetarias e do Museo do Mar, os pasacalles a cargo de grupos locais, o vermú mariñeiro e a feira de artesanía coparon a axenda dominical de numerosas persoas nesta xornada final da festa. A música, neste terceiro e último día de festa, correu a cargo de Erea Castro, cunha actuación na Praza de San Benito, mentres que o grupo “A Boalleira” amenizou musicalmente a despedida entre o porto e a carpa.
Comentarios