NUMEROSAS ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTE, GASTRONOMÍA E LECER DANSE CITA ESTA FIN DE SEMANA NA GUARDA

A Guarda prepárase para unha fin de semana moi especial, na que volve a celebrarse, tras 9 anos de ausencia, a Festa do Peixe Espada organizada por OR.PA.GU en colaboración co Concello da Guarda. Esta será a XIII edición dunha celebración gastronómica que volve a casa cunha programación do máis completa, que ofrecerá todo tipo de actividades e grandes manxares na Carpa do Porto da Guarda o vindeiro  sábado 30 e domingo 31 de xullo.

Pero a fin de semana xa se inicia por todo o alto o venres 29 pola noite coa inauguración da primeira edición do festival “Música nas Prazas”, unha iniciativa do concello da Guarda que levará 5 actuacións de destacados grupos musicais ás prazas das diversas parroquias da localidade. O primeiro dos concertos, que se celebra este venres ás 22 horas na Praza de Santo Tomás, será ofrecido pola cantante e autora viguesa Carmen Johns, recoñecida en toda a nosa xeografía e unha das autoras que encheu os carteis das dúas últimas edicións do festival Portamérica.

Xa no sábado día 30 dará comezo a Festa do Peixe Espada co pregón ofrecido polo cantautor guardés Tino Baz, ás 12 horas na Carpa do Porto da Guarda. A continuación se entregarán os premios do XIII Concurso de Carteis da Festa do Peixe Espada e do I Concurso literario infantil “Homes e mulleres do mar”. Pola tarde, e ata a noitiña, a música será a protagonista con tres citas destacadas.

Ás 15 horas haberá unha actuación de música tradicional “Fuscalho”. Ás 20 horas celebrarase o Concerto de Folclore AMFF no Auditorio de San Benito, un evento paralelo ó que ten lugar hoxe, 28 de xullo en Vila Praia de Áncora. Esta iniciativa luso galaica busca impulsar aínda máis o vínculo entre as vilas de Caminha e da Guarda, para o que incluirá as actuacións da Orquesta da Academia de Música Fernades Fao, do  Etnográfico de Vila Praia de Ancora, Do Lusco ó Fusco e Boalleira. O día remata coa actuación, no Porto da Guarda ás 23 horas, de Ángel América. Ademais, durante todo o día A Guarda acollerá o I Campionato Integrador e o IV Máster Nacional de Futbolín (que se estenderá ata o domingo).

No seu segundo día, a XIII edición da Festa do Peixe Espada dará cabida a un showcooking, a partir das 15 horas e a actuación da banda de música Llerena, sobre as 14 horas.

Ademais durante toda a fin de semana haberá diversas actividades dispoñibles para os máis cativos como inchables, actividades con monitoras e photocall. Tamén se pode visitar a exposición Camiños da Imaxe, que amosa a obra do fotógrafo local Joaquín Portela “Costiña” na Casa dos Alonsos, cun horario que o sábado é de 12 a 14 horas pola mañá e de 19 a 22 horas, e o domingo só na quenda da mañá.

E toda esta variedade de actividades e lecer estará acompañada polas delicias cociñadas co produto protagonista da celebración, o peixe espada. Haberá 5 postos de restaurantes locais na carpa do Porto e alí se ofrecerán as distintas especialidades a prezos populares.

Non se pode pedir máis que o que ofrece esta fin de semana A Guarda: música, actividades culturais e de lecer, deporte e moita e boa gastronomía.

 

2 de 24 de 43 de 3

Comentarios

Leave a Reply