• Venres 17 de xuño ás 20:30h no Centro Cultural da Guarda.
• O sábado 18 de xuño realizarase tamén unha ruta guiada en colaboración coa Asociación Xuliva e a Asociación de Redeiras Atalaia que partirá ás 11:30h dende a Cetaria Agrelo.
Creada por Xisela Franco, a peza será presentada este venres 17 de xuño ás 20.30h no Centro Cultural da Guarda. Tras a presentación da creación audiovisual na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, o pasado 23 de marzo, a autora culmina coa súa obra definitiva estreándoa na vila protagonista, A Guarda.
A través da etnografía experimental achegámonos á cultura mariñeira, aos oficios, aos saberes, ás tradicións e ás identidades de hoxe e de onte. Unha forma dar visibilidade a ese patrimonio inmaterial da vila, de crear emocións arraigadas ao territorio e á súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual… que se verá culminada co lanzamento por vez primeira de material inédito; como son as gravacións que non foron empregadas para a peza ou aquelas de arquivo cedidas por diferentes familias veciñas da vila.
Á xornada asistirán as asociacións protagonistas de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e de Embarcacións tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cun faladoiro aberto á participación do público.
A xornada é de balde até completar aforo.
Outras actividades vinculadas ao proxecto Atlantic Culture Scape: roteiro guiado [18 de xuño]
Para continuar co proceso creativo e colectivo vinculado co patrimonio da vila da Guarda, desenvolvéronse dúas rutas nas que se recollen todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e habitan A Guarda. Así, o 18 de xuño realizarase unha das rutas que será guiada pola comunidade local. O punto de partida será a Cetaria Agrelo ás 11.30h e o percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas e media. Para inscricións e máis información, as persoas interesadas deberán contactar ao e-mail da Asociación Xuliva – Historia e Paisaxismo [xulivaguarda@gmail.com], institución local encargada de organizar o evento. Esta actividade tamén é de balde até completar o aforo de 45 prazas.
Ambas actividades contan coa colaboración do Concello da Guarda, das asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia, de Embarcacións Tradicionais O Piueiro e Xuliva – Historia e Paisaxismo.
Sobre Atlantic Culture Scape
O proxecto Atlantic CultureScape é unha iniciativa que estuda e dá a coñecer o patrimonio inmaterial do espazo Atlántico. Co-financiado polo Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ao abrigo do programa INTERREG Espazo Atlántico, o programa promove a cooperación transnacional entre 36 rexións atlánticas de cinco Estados europeos. Desta forma, participan diferentes entidades e organismos de lugares como Irlanda, Gales, Cantabria, Andalucía, Portugal, […] e Galicia! É así como nace Atlantic CultureScape A Guarda, un proxecto comunitario impulsado pola Universidade de Vigo e levado a cabo grazas á colaboración das asociacións mencionadas, entre outros actores locais.
Deste xeito, despois de tres anos de actividade, o proxecto remata o vindeiro mes de setembro, deixando os seus obxectivos cumpridos e unha recua de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, da súa historia e do seu patrimonio material e inmaterial, como eixes sostibles e xeradores de economía na vila.
Comentarios