A praia guardesa de “O Muíño” iza o distintivo de Bandeira Azul

A praia guardesa de “O Muíño” iza o distintivo de Bandeira Azul

O sábado 29 de xuño tivo lugar o acto de izamento da Bandeira Azul na praia de O Muíño coa que se marca o comezo da tempada de verán nesta recoñecida praia da Guarda ao contar co servizo de socorrismo dende o pasado sábado.

Ata a praia de O Muíño desprazáronse o Alcalde, Antonio Lomba; o tenente-alcalde, o nacionalista Anxo Baz; a Concelleira de Turismo, a nacionalista Bea Lomba; o Concelleiro de Medio Ambiente; o nacionalista Xan Lois Lomba; a Presidente da Entidade Local de Camposancos, a nacionalista Mercedes Martínez e xunto cos socorristas izaron o distintivo co que conta esta praia emblemática da franxa costeira, Bandeira Azul e o de «EcoPlaya».

Este ano no primeiro procedemento de contratación de socorristas non se cubriron as prazas necesarias para dar servizo nas dúas praias con bandeira Azul (O Muíño e Area Grande), polo que, namentres non se complete a plantilla o servizo de socorrismo prestará servizo só na praia do Muíño, por ter esta unha maior afluencia de bañistas e pola súa ubicación na desembocadura do Río Miño.

Está xa en marcha un segundo procedemento para poder contratar a totalidade dos socorristas precisos para atender a estes dous areais guardeses, unha vez rematado izaráse tamén na Area Grande a correspondente Bandeira Azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán. Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda foron destacadas co distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

Comentarios

Leave a Reply