O Nadal chegou á Guarda e contará cunha programación de actividades extensa e variada na que destacan o teatro, a animación musical polas rúas, os concertos de panxoliñas, os obradoiros de decoración, as chocolatadas, a instalación por primeira vez na vila dunha pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis.
A programación esténdese ata o 6 de xaneiro, un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal.
O vindeiro martes día 18 de decembro será o primeiro día de apertura da Pista de Xeo que estará instalada na Alameda da Guarda, as entradas custarán 6€ de xeito anticipado nos máis de 50 establecementos colaboradores da vila e 7€ na propia pista.
Cada entrada dará acceso á pista de xeo da Alameda, que ten unhas dimensións de 20m x 10m e cunha duración de 45 minutos para gozar por primeira vez na Guarda da patinaxe sobre xeo, o aluguer dos patíns é gratuíto e recórdase que se deben de traer guantes para as mans.
O horario de Luns a venres será de 16:00h a 22:00h e os fins de semana de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 22:00h. O 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro funcionará en horario de fin de semana e o 24 e 31 de decembro en horario continuo de 11:00h a 19:00h. O 1 de xaneiro funcionará só en horario de tarde de 16:00h a 22:00h.
Todos aqueles comercios que desexen dispor de entradas para a Pista de Xeo poderán adquirir packs de 10 entradas ao prezo de 60€ na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20.
Dende o Concello da Guarda se convida a seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.
Comentarios