A Guarda remata o mes de novembro con moito cinema, deporte, música, obradoiros e actividades para todos os públicos

O concello da Guarda prepárase para as datas de Nadal cuns último días de novembro cheos de opcións e alternativas de lecer e tempo libre para todos os gustos e públicos.

Este xoves 24 de novembro, ás 20 horas, a Casa dos Alonsos acolle a última das Charlas sobre Igualdade organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Este ciclo de charlas rematará coa ponencia que leva por título “En busca dunha sociedade máis xusta”.

O venres 25 proxectarase no Centro Cultural, dentro da campaña Invernos de Cine, ás 21 horas, a película “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta é unha comedia sueca que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo.

O sábado día 26 ven cargado de actividades para todos os públicos. Pola mañá o recinto do Cámping Santa Tecla acollerá a partir das 10’30 horas a proba de Campo a través na que participan alumnos de colexios e clubs deportivos do Baixo Miño.

Xa pola tarde se celebrará o Obradoiro de decoración “Un adorno para o Nadal Guardés” na Casa dos Alonsos, dende as 15’30 ás 18,30 horas. A cargo do obradoiro estará Maite Lomba, interiorista de Agarimo Interiores, que ensinará aos comerciantes e veciños que queiran acudir a realizar o seu adorno navideño para decorar as fachadas de comercios, casas e portais de veciños da vila. Todos os que desexen saber máis teñen á súa disposición dous vídeos titoriais colgados na páxina do Concello da Guarda e no Facebook de Cultura, tanto para saber que materiais necesitarán para o obradoiro como para poder realizar o adorno dende a casa.

Tamén o sábado temos outra sesión de cine no Centro Cultural da Guarda. Neste caso a película que se poderá ver é “Rango”, filme de animación que seguro fará as delicias de toda a familia o sábado ás 17,30 horas. Xa para rematar un día tan completo, non podía faltar a musica. A Igrexa Parroquial acolle ás 20’30 horas o Concerto de Santa Cecilia organizado pola Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda. Ademais da actuación da agrupación, tamén contará coa participación da Coral Polifónica da Guarda.

Por último, a fin de semana chega á súa fin o domingo 27, día no que se celebra a terceira edición do Trail do Trega que comeza ás 10 horas con saída no Centro Cultural.

Dende o concello agradécese a todas as persoas que fan posible ofertar tantas e tan variadas actividades e espérase que os veciños e veciñas da Guarda se animen a asistir ás alternativas que ofrece a vila para esta última semana do mes de novembro.

Comentarios

Leave a Reply