- A Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar converteuse esta mañá nun punto de degustación do crustáceo en distintas elaboracións.
Sanxenxo acolleu esta mañá a presentación da “XXXI Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira” que se celebrará desde este venres e ata o domingo 2 de xullo na Guarda. A Rosa dos Ventos no Paseo de Silgar serviu como escaparate e punto de degustación do crustáceo en distintas elaboracións, unha pequena demostración gastronómica do que poderán atoparse os que acudan esta fin de semana á Guarda. A presentación xerou unha gran expectación de público que se congregou na zona para poder probar a ampla mostra de degustación de lagostinos, zamburiñas, lagosta, luras, nécoras, gambas, lagostinos, berberechos, empanada… e rosca de xema, acompañado dunha copa de albariño.
A hostalaría da Guarda foi a encargada das elaboracións dos manxares do mar e da presentación. A eles agradeceu o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, o seu labor. “Sen eles isto non sería posible”, asegurou. O encargado de explicar a importancia da cita gastronómica que terá lugar no porto foi o concelleiro, Fernando Reyes González. A festa é, ademais dun evento gastronómico, un importante evento cultural. Isto é así xa que, ademais de poder degustar os diferentes pratos, os visitantes poderán gozar dunha variada oferta de entretemento con motivo da festa. Nesa vocación de festa familiar e para todos os públicos, contarase con diferentes actuacións e actividades, tanto para os maiores como para os máis pequenos, de maneira que a diversión está garantida.
Nesta edición son catro os restaurantes locais os que participan, con especialidades propias e tamén coas que segue sendo a raíña da festa, a lagosta cocida ou á prancha. A sobremesa que acompaña a lagosta desde a primeira edición da festa, que non é outra que o roscón de xema da Guarda. Este roscón é unha sobremesa típica guardés, creado en 1593 por un pasteleiro guardés. No entanto, ofrécense tamén outras sobremesas caseiras e tradicionais como son as filloas, tortas…
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Festas e Eventos, Elena Torres, e o concelleiro de Turismo, Juan Deza, destacou a importancia de “aproveitar as sinerxias” que xeran estas colaboracións entre concellos. “Galicia é unha cidade única e debemos promocionar toda a nosa riqueza paisaxística e gastronómica”, indicou. Ademais, lembrou que durante o verán “o noso municipio é líder no norte de España en pernoitas polo que estamos encantados de que se faga aquí en Sanxenxo esta presentación e que moitos dos visitantes que xa están aquí veraneando se acheguen esta fin de semana A Guarda.
Comentarios