A Guarda é a vila máis acolledora de Galica segundo os propios visitantes, pois acaba de resultar a gañadora desta categoría nos Traveller Review Awards 2025 que se coñeceron este luns 9 de xuño.
Estes premios celebraron a 13ª edición e baséanse en máis de 360 millóns de comentarios verificados en Booking.com de viaxeiros internacionais. A Guarda destacou nos valores de autenticidade, proximidade e calidez no trato, colocándose, por tanto, no máis alto do ranking galego en hospitalidade e calidade na experiencia turística.
Os viaxeiros tamén deixaron notar a riqueza do noso patrimonio natural e cultural, desde o recoñecido Castro de Santa Trega ata o porto, a fortaleza de Santa Cruz e a propia desembocadura do río Miño.
“Estamos encantados con este recoñecemento, que ademais provén dos propios visitantes e turistas, pois recoñece o traballo e aposta que estamos facendo desde este goberno polo turismo”, declara o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, “pero tamén pón en valor a idiosincrasia dos guardesas e guardesas, esa forma de ser acolledora e amable”.
O Concello da Guarda xa leva realizado diferentes accións dentro da promoción turística para dar a coñecer a nosa vila e os seus encantos. En xaneiro, A Guarda estivo presente en na Feira de FITUR en Madrid, para logo ser a protagonista en maio na caseta do Lar Gallego na Feria de Abril de Sevilla. Ademais, realizáronse traballos para mellorar a experiencia dos turistas, como un deseño renovado dos mapas turísticos e a posibilidade de realizar visitas virtuais.
Comentarios