A Guarda deu a benvida ao Entroido 2020 cun espectacular e colorido desfile dos coles

A programación para este Entroido 2020 arrancaba na mañá deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila, no que participaron a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos, cun percorrido polo casco urbano, onde luciron os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.

Cada clase empregou unha temática e, entre os disfraces máis destacados, os relacionados cos xogos olímpicos de Tokio 2020, cunha imaxinación e orixinalidade que causou gran expectación entre os centos de persoas que se achegaron e encheron as rúas da vila para presenciar este divertido e colorido desfile infantil.

A programación continúa ata o vindeiro martes con actividades de lecer para todas as idades con espectáculos infantís, música en directo e moito máis.

Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada “Bailongo session” a cargo de “Furry Destroyer”.

O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o “Domingo das Familias” a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.

Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda e un “Obradoiro de máscaras” de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. “Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.

Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o “Desfile de Entroido” ás 17:30h, con saída dende a “Esquina Famosa” e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes.

Menú de Entroido

Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020

SÁBADO 22 DE FEBREIRO
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con “Furry Destroyer”
Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenos e nenas con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 24 DE FEBREIRO
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil “Abordaxe pirata” e “Minidisco” con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 17:30h.

MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada “Bate no Cobre”
Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda

Comentarios

Leave a Reply