O pasado domingo día 23 de setembro A Guarda acolleu un ano máis a Romaría de Santa Trega, unha xornada relixiosa e de lecer que estivo marcada este ano por unha masiva afluencia de visitantes e unhas excepcionais temperaturas.
A Romaría de Santa Trega é un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega, este ano participaron, ademais das autoridades locais e de concellos veciños, unha representación de veciños de Povoa de Varzim, encabezados polo Vicepresidente da Câmara de Povoa de Varzim, coincidindo coa inauguración da Exposición das Marcas dos Mariñeiros, tamén moi ligadas á Capela de Santa Trega.
Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolleu varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá, sendo ás 11:00h o Sermón e a Solemne Procesión, que contou cunha ampla participación.
Tralo remate dos actos relixiosos celebráronse as tradicionais poxas de produtos típicos, que contou tamén cunha masiva resposta por parte do público, poxando lotes de froitas, viños e o sorteo final dunha monumental tarta con premio no seu interior.
Seguindo a tradición, moitas familias participaron nun xantar popular no Monte Santa Trega, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.
Comentarios