A Guarda celebra a Semana Santa con visitas guiadas e procesións

A Guarda celebra la Semana Santa con visitas guiadas y procesiones

Durante calquera época do ano pódese descubrir a vila mariñeira da Guarda, percorrer o seu territorio a través das rutas, gozar da natureza do Esteiro do Miño, visitar o Monte Santa Trega, descubrir a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar e degustar a súa gastronomía e produtos locais.

 

Pero durante a Semana Santa ademais de descubrir as belezas da vila e a súa programación, pódese participar nos actos relixiosos. A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente o venres 31 de marzo, coa Procesión do «Venres de Dor», a partir das 21:10 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María.

 

Para o sábado 1 de abril organizáronse actos culturais e de entretemento. Esta xornada comezará coa presentación do poemario “De mar a mar. Poemas 1932-1933” de Feliciano Rolán que a Asociación Piueiro impulsa coa versión en galego. Este acto terá lugar ás 12:00h nos xardíns de Feliciano Rolán (Centro de Saúde). No caso de choiva trasladarase para a Casa dos Alonso. A tarde estará adicada á 3ª Carreira de Orientación-Concello da Guarda que dará comezo ás 17:00h na Praza de Avelino Vicente. Esta actividade precisa inscrición previa en https://xestanatureza.com/eventos/orientacionaguarda2023/

 

A programación relixiosa da Parroquia de Santa María da Guarda continúa o domingo 2 de abril (Domingo de Ramos) coa tradicional bendición de ramos e palmas na Praza de San Bieito ás 11:30 horas. A continuación, celebrase a procesión ata igrexa parroquial e a Misa  da Paixón do Señor.

 

O Xoves Santo virá marcado pola «Procesión dos Pasos», con saída ás 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. O Venres Santo terán lugar, dende o mesmo punto, a «Procesión do Encontro» (11:00 h) e a «Procesión do Santo Enterro» (21:00 h).

 

Nesta Semana Santa ofreceranse as habituais visitas guiadas ao Castro de Santa Trega. Estas visitas teñen unha excelente acollida polos visitantes do monte porque permiten comprender o valor arqueolóxico deste destacado xacemento. Durante unha visita guiada de 45 minutos os visitantes coñecerán en detalle a Cultura Castrexa e como vivían estes castrexos no Trega fai xa máis de 2.000 año. As visitas gratuítas están organizadas do martes 4 ao domingo 9 de abril dúas quendas ás 12:00h. O punto de comezo é a explanada da casa Forestal, a casa en pedra que se atopa despois de cruzar a zona escavada do castro.

 

Coincidindo coa semana santa a Oficina de Turismo da Guarda comezará o horario de abril abrindo de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30h. Tamén atención no tel. 986 61 45 46 ou en turismo@aguarda.es

 

En canto aos horarios da Rede de Museos da Guarda:

  • MASAT- MUSEO ARQUEOLÓXICO DE SANTA TREGA. 10:00 – 20:00 (Excepto luns)
  • MUSEO DO MAR- ATALAIA. De xoves a domingo: 11:00 – 14:00 / 16:00 – 19:00
  • CASTELO DE SANTA CRUZ como espazo público: 10:00 – 21:00

 

Programación cultural:

  • Do 3 ao 15 de abril: EXPOSICIÓN DE DEBUXOS E ACUARELAS DE TITO LEMOS na Casa dos Alonso. Aberto de luns a venres, en horario de 10:30 a 13:30h.
  • Do 5 ao 11 de abril: FESTIVAL ACTÚA VERDE. Intercambio cultural de mozas e mozos europeos con performance, obradoiros, teatro e mais actividades. En diferentes localizacións da vila. Organiza: Asociación FOCO. Máis info: https://www.focoeuropa.com/portfolio/actua-verde/

 

Festas da Pascua de Buxán:

Na Guarda ademais das celebracións relixiosas da semana santa tamén teñen lugar as tradicionais Festas da Pascua de Buxán que darán comezo este sábado, 1 de abril, coa celebración do «Serán de Buxán» ás 22:00 horas. A festa continuará o venres 6 de abril co partido de fútbol masculino entre solteiros e casados. O sábado 7 haberá tradicionais xogos populares (11:00h para nenos e 16:00h para adultos) e a posterior verbena, amenizada polo Trío Xtra e o Grupo América  (23:00 h). Na xornada do 9 de abril, Domingo de Pascua, a partir das 11:00h poderase desgustar os pratos locais como a zorza e callos amenizado co grupo Airiños do Folón. A tarde está reservada para a tradicional Festa do Biscoito con inchables e pintacaras para nenos e ás 19:30 o peche será cargo do grupo folk Os Carunchos.

 

Máis información en www.turismoaguarda.es

Comentarios

Leave a Reply