A Guarda acolle o 7 de maio a proxección do Documental “Galicia Peregrina. A ruta portuguesa de Santiago”

• Será o sábado día 7 de maio ás 20:00h no Salón de actos do Centro Cultural da Guarda.
• Tamén presentarase o vídeo “Percorremos o camiño como peregrin@s” no que participan escolares e asociacións da Guarda.

O Salón de actos do Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro sábado día 7 de maio ás 20:00h unha dobre proxección vencellada ao Camiño Portugués da Costa.

O documental “Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago” proxectarase achegando ao espectador ao verdadeiro significado de facer o Camiño de Santiago, protagonizado pola presentadora Cristina Maró, que estará no acto deste sábado na Guarda.

O Concello da Guarda, continuando coas accións para difusión e promoción do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola vila ven de continuar co proxecto “Falemos do Camiño”, iniciado no ano 2020 e paralizado debido á pandemia.

Desta volta organizouse unha actividade cos centros escolares e colectivos da vila para promocionar o Camiño Portugués da Costa a través da actividade “Percorremos A Guarda como peregrinos”, onde o alumnado e usuarios percorreron parte do trazado do itinerario xacobeo pola Guarda en diferentes sesións celebradas entre marzo e abril de 2022, acompañados por un guía que foi explicando os diferentes elementos etnográficos, civís e relixiosos existentes no camiño.

Ao mesmo tempo, aproveitouse esta acción para a gravación dun vídeo que será presentado tamén este sábado día 7 de maio no Centro Cultural da Guarda.

Comentarios

Leave a Reply