O pasado sábado día 29 de setembro o Concello da Guarda, a través do Departamento de Turismo, organizou unha noite de observación de estrelas dende o alto do Monte Torroso na parroquia de Salcidos que contou coa participación de case un centenar de persoas, actividade enmarcada nas conmemoracións do Día Mundial do Turismo, que se celebrou o pasado 27 de setembro.
Nunha noite de temperaturas agradables, os participantes desta actividade, desprazados dende a Guarda, a Comarca do Baixo Miño e mesmo de Vigo, partiron dende a Casa Forestal do Torroso, para facer unha pequena andaina ata o Alto do Monte Torroso, onde puideron atender ás explicacións do experto en astronomía Pablo Martínez, membro da Agrupación de Astronomía Rias Baixas.
Os participantes coñeceron as principais constelacións do hemisferio norte, así coma a localización dos planetas e mesmo algúns datos de interese coma as datas das choivas de estrelas perseidas e gemínidas, ou coma orientarse no firmamento empregando algunhas estrelas. A actividade espertou o interese dos participantes, que antes do remate puideron facer preguntas e interesarse sobre o apaixoante mundo da astronomía.
Comentarios