Continúa aberto o prazo de inscrición para o Desfile-Concurso do Entroido guardés 2017 ata o 22 de febreiro

Continúa aberto o prazo de inscrición para o Desfile-Concurso do Entroido guardés 2017 ata o 22 de febreiro

Dende o vindeiro venres día 24 e ata o martes 28 de febreiro, A Guarda entrégase á febre do Entroido cunha ampla programación. O prato forte desta celebración será o Desfile-Concurso de Entroido, que terá lugar na tarde do martes 28 de febreiro.

A saída deste Desfile farase dende a Praza de San Bernardo (“Esquina Famosa”), ás 17’30 horas e o percorrido atravesará a rúa Galicia e a avenida Rosalía de Castro, para rematar finalmente na Alameda. Os participantes deben presentarse entre as 16.30h. e as 17,15h. para colocarse nos seus postos, determinados pola Concellería de Cultura.

O obxectivo deste evento é manter a tradición local desta festa tradicional a través da participación de tódolos veciños da Guarda. Para isto, e tal e como recollen as bases do concurso, inclúense cinco modalidades diferentes de participación, e unha ampla variedade de premios.

Os interesados en participar en calquera das cinco modalidades (carrozas, comparsas, grupos, individual e parellas infantil, individual e parellas xuvenil-adulto) deberán entregar cuberto o formulario anexo ás bases e a documentación necesaria, ata o 22 de febreiro de 2017, en horario de 9 a 14h. de luns a venres, no Rexistro Xeral do Concello. Poderán remitirse inscricións por vía postal, selladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude e acompañadas da documentación requerida, adiantando por fax a copia da solicitude sellada na oficina de Correos.

En canto aos premios, as categorías de comparsas e carrozas terán un primeiro e segundo premio cada unha, de 250€ e 150€ respectivamente. No resto de categorías haberá seis premios cunha contía que vai dende os 150 aos 30€. Ademais as 10 primeiras comparsas ou carrozas que se inscriban recibiran unha axuda de 200 euros e os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Dende a Concellería de Cultura invítase a tódolos veciños e veciñas a desfrutar de todo o Entroido, e en especial a participar (dentro ou fóra de concurso) no desfile do martes 28, para compartir unha divertida celebración chea de disfraces, música e moita troula.

Comentarios

Leave a Reply