O Concello da Guarda presentou a súa campaña de sensibilización e difusión do novo Regulamento do Lixo

O Concello da Guarda presentou a súa campaña de sensibilización e difusión do novo Regulamento do Lixo

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e o Concelleiro de Servizos, Paulino Rodríguez, presentaron este martes 28 de marzo a Campaña de sensibilización e de difusión do novo “Regulamento de Limpeza Pública e Recollida de Lixo” do Concello da Guarda, que entrou en vigor o pasado 30 de decembro.

A limpeza pública e, en concreto, este novo regulamento foron e seguen a ser prioridades do equipo de goberno, que traballou dende o comezo da Lexislatura para sacar adiante este Regulamento e que agora o complementa cunha campaña de información e sensibilización, pois saben a importancia que este tema ten para os guardeses e guardesas.

Nesta presentación, que tivo lugar ás 11 horas na Casa dos Alonsos, deuse a coñecer unha campaña coa que o Concello busca facilitar o coñecemento das normas que rexen a limpeza pública e recollida do lixo a partir de agora e promover que todos os veciños e veciñas colaboren en que A Guarda sexa unha vila exemplar pola súa limpeza.

Dentro desta campaña estanse a levar a cabo diversas accións. O Concello da Guarda enviará nos próximos días unha carta de presentación do Regulamento, xunto co propio texto do Regulamento de Limpeza Pública e Recollida de Lixo a tódalas vivendas para que os guardeses o poidan consultar cando o desexen. Ademais, realizouse a edición dun bando para instar á limpeza de fincas, a edición de 100 vinilos instando á recollida das cacas dos cans en espazos públicos, 30 vinilos advertindo da prohibición de pegar carteis nas marquesiñas, 450 para depositar o lixo nos contedores correspondentes e se fabricaron 3 sinais de estrada advertindo da prohibición de pegar carteis en mobiliario e espazos públicos.

Xunto con esta campaña o Concello promoverá a sensibilización no tema da limpeza pública e da separación do lixo, así como do coñecemento das normas que os regulan, a través das redes sociais, promovendo a acción e participación cidadá pois entre todos é posible ter A Guarda máis limpa e fermosa.

Comentarios

Leave a Reply