Minuto de silencio na Guarda en memoria das vítimas do atentado de Londres

Este xoves día 23 de marzo, ás 12 horas, as autoridades e traballadores do concello da Guarda gardaron un minuto de silencio xunto á Casa do Concello, na Praza do Reló, en memoria das vítimas do atentado que tivo lugar este mércores na cidade de Londres.

Onte pola tarde coñecíase o terrible suceso, o atentado que un terrorista causou na capital inglesa este mércores 22 de marzo pola tarde, e que as forzas de seguridade relacionan con ISIS. Polo de agora as autoridades do país comunican que hai 5 vítimas mortais e 29 feridos de distinta gravidade, como consecuencia da acción do atacante que atropelou a varias persoas e atacou a un policía xunto ao Parlamento británico.

O Concello da Guarda quere mostrar con este xesto a súa solidariedade co pobo británico, coas vítimas do terrorismo en todo o mundo e achegar as súas condolencias ás vítimas e familiares das vítimas nestes duros momentos.

Comentarios

Leave a Reply