A máis que favorable meteoroloxía dos meses de xullo e agosto, así como as fermosas e variadas praias que se poden atopar na costa guardesa, contribuíron a que esta fora unha das mellores tempadas para o turismo e as praias da vila do Baixo Miño.

A Guarda conta con numerosos atractivos entre os que destacan as súas praias, tendo a posibilidade de relaxarnos xunto ó río ou ó mar. Ademais conta con dous areais con bandeiras azuis: a praia de Area Grande e a do Muíño, xunto á desembocadura do río Miño. Estas están unidas por un sendeiro litoral que é un dos 11 recoñecidos como sendeiros azuis na provincia de Pontevedra e que une os dous areais, e o mar e o río, nunha ruta de gran beleza natural.

Para poder manter os estándares de calidade, as praias da vila tiveron unha completa posta a punto no mes de xuño, no que se realizou unha exhaustiva limpeza manual. Esta limpeza é moito máis custosa pero tamén moito mellor en termos de conservación medioambiental. O sistema que se empregou consistiu na acumulación de lixo en montes ou en sacos, segundo o tamaño dos fragmentos, para que logo un tractor fixera o traslado ata o punto de recollida do camión. En ningún caso se utilizan sistemas mecánicos de rastrillado da area. Con isto se conseguiu un uso da praia e do seu entorno no que a xente pode gozar da natureza con criterios de sostibilidade medioambiental.

Ademais, as dúas praias de bandeira azul contaron con servizo de socorrismo dende finais de xuño, que continuou ata onte, domingo 11 de setembro. As súas bandeiras azuis poñen de manifesto a calidade destas praias en canto ás augas de baño, a información e educación ambiental, a xestión ambiental e seguridade, así como os servizos e instalacións. Trátase, pois, dunhas das mellores praias da xeografía galega que nestes meses de verano visitaron, e aínda seguen a facelo, milleiros de persoas, nunha tempada que se desenvolveu de maneira satisfactoria e sen incidentes.

Esta vindeira fin de semana, do venres 9 ao domingo 11 de setembro, a cultura tomará as rúas da vila da Guarda, cunha máis que interesante oferta de lecer.

O venres hai unha cita co primeiro pase de “Os trillizos da Socorro”, obra do Teatro Vamolandando que se representará no Centro Cultural ás 21 horas e que está organizado polo propio grupo “Vamolandando Teatro” en colaboración con concello da Guarda. A obra é unha comedia que conta a historia de Socorro e os seus tres fillos, uns trillizos ya adultos que, non obstante, están moi malcriados e só pensan en xogar e facer cousas de nenos. Isto cambiará coa chegada de Evarista, a asistenta.

O sábado volverán a representar esta obra no mesmo escenario e tamén ás 21 horas. Ademais, ese mesmo sábado 9 de setembro, é a segunda das datas do ciclo de cinema “Camposancos de cine”. Nesta segunda proxección, poderase visionar no Casino de Camposancos ás 21 horas o filme “15 pesetas por Frete”, dirixido por Estefanía Alonso.

Para rematar este cultural fin de semana na Guarda o Festival Espazos Sonoros ofrecerá un concerto de cantares de cego no Castelo de Santa Cruz o domingo día 11 ás 19:30 horas. Trátase dunha proposta musical diferente e orixinal que ofrece música en espazos de interese cultural. Esta iniciativa conxuga, por tanto, música, paisaxe e arquitectura. Neste caso, na Guarda, poderemos desfrutar de Cantos de Cego de Galicia e Portugal a cargo de César Prata e Ariel Ninas. Este concerto xira entorno a un personaxe singular da cultura musical universal: o invidente que canta e fai música, cun repertorio de cantos recollidos ás dúas beiras do río Miño e interpretados por músicos de Galicia e Portugal.

Sen dúbida esta é unha fin de semana ideal para achegarse ata A Guarda e os seus encantos. A piques de dar comezo o novo curso 2016/17 aínda quedan uns días de verán para desfrutar da Guarda e da ampla oferta cultural e de lecer que ofrece, como vén facendo nos último meses.

O Concello da Guarda ao abeiro da subvención do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, na liña 3 con destino as actividades deportivas, ten concedida unha axuda de 6000 euros para poder desenvolver diferentes accións e eventos deportivos ao longo de todo o ano.

Así estas axudas irán destinadas á celebración da Gala do deporte, ao desenvolvemento do programa de Andainas, Torneo de xadrez e dentro do atletismo: ao Trail do Trega e a 15k.

Con esta subvención o Concello pode facer fronte aos diferentes gastos provocados da organización destas actividades e así poder desenvolver unha programación máis diversa durante todo o ano 2016.