Verán de récord das visitas guiadas no castro Santa Trega. Nos meses de xullo e agosto realizáronse visitas guiadas de martes a domingo en 4 quendas ao día, ás que acudiron máis de 7.000 persoas, case duplicando os datos de anos anteriores.
Ademais, incrementouse notablemente o interese de coñecer o valor arqueolóxico do Trega, pois cada vez hai máis xente que sube ao monte e que aposta por participar nas visitas guiadas.
Mantense o perfil do público habitual que son turistas e visitantes nacionais que pasan as súas vacacións en Galicia. Ademais tamén realizan esta visita veciños da Guarda e da comarca con interese na historia e paisaxe do Monte Santa Trega e que repiten a experiencia, formando parte da visita coa familia e amigos que visitan a nosa vila.
Coa chegada de setembro continúan as visitas regulares nas fins de semana ás 12:00h.
O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita recorre menos de 1 km polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño.
A duración aproximada da visita é 45 minutos pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Ademais durante estes meses de verán, os visitantes puideron ver o traballo artesanal da rehabilitación da cuberta vexetal das dúas vivendas reconstruídas do Castro. Este traballo foi realizado por Juan González, un dos poucos especialistas teitadores e que tamén formou parte das explicacións do guía pola curiosidade dos visitantes ao ver o seu traballo totalmente manual.
Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690 01 70 38 ou un mail a masat@aguarda.es.



Comentarios