Teatro, obradoiros, deporte e gastronomía: completa oferta cultural para a fin de semana na Guarda

A programación cultural de cara a fin de semana comeza esta mesma noitiña na Guarda coa proxección da curtametraxe «Lurna» no Centro Cultural. O filme, que se proxectará ás 20:30 horas, conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país na procura dunha vida mellor. Deseguido, o director da obra, Nani Matos, ofrecerá unha charla-coloquio sobre a trata de persoas.

 

Esta actividade enmárcase na programación de actividades culturais organizadas polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda e o Concello da Guarda con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora este sábado 25 de novembro.

Gastronomía, arte e faladoiros

A ruta «Petiscos con arte» continúa este venres, sábado e domingo cunha ampla oferta de pequenas degustacións e obras de arte nos establecementos participantes. Os petiscos poderán degustarse de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas a un prezo único de 1,50€ a unidade.

 

Por outra parte, ás 20:30 horas de mañá terá lugar na Casa dos Alonso unha nova charla dentro do ciclo «Diálogos en Educación». A temática deste novo encontro xirará entorno á «filosofía para/con a infancia» e estará guiado polo profesor da Universidade da Coruña no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Javier F. Rouco.

Celebrarase tamén mañá un novo encontro dentro do ciclo de charlas «Cóidate, muller!», organizado pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Nesta ocasión, o faladoiro centrarase no «poder das emocións positivas e a comunicación asertiva», contando coa intervención da psicóloga convidada, Andrea Iglesias Fernández. A cita será ás 20:00 horas no Centro Cultural.

25N: Repulsa ás violencias machistas

Este sábado, 25 de novembro, a programación de actividades estará caracterizada polas mostras en repulsa ás violencias machistas. Así, a programación comezará ás 12:00 horas na Casa dos Alonso cun acto conmemorativo no que o alcalde e as concelleiras da Corporación Municipal colocarán unha pancarta contra a Violencia de Xénero. De seguido, o grupo Cinta Adhesiva realizará unha actuación poético-musical.

Completando a programación do 25N, o Centro Cultural acollerá a representación teatral «Nacidas libres» a partir das 20:00 horas deste sábado. A obra, cuxas entradas xa están esgotadas, relata a historia de catro actrices que deciden emprender e montar unha peza inspirándose nunha nova aparecida nos xornais sobre tres monxas retidas nun convento.

Lectura, música e obradoiros

Os máis pequenos da casa tamén terán oportunidade de divertirse durante a fin de semana. Para eles, a Biblioteca Municipal organiza este sábado a partir das 11:30 h unha nova sesión de «Contos contados» dedicada á Ciencia, na que poderán coñecer historias divertidas e realizar un experimento científico.

Para todo o público, ademais, continúa en marcha «Biblioteca Solidaria», unha iniciativa pola que todas aquelas persoas que se acheguen ao espazo de ocio e lectura municipal poderán escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros (arroz, pasta ou legumes, entre outros) ou propios do Nadal (tales como turróns e outros doces, embutidos ou froitos secos) malia que estes sexan perecedoiros.

Para comerciantes e público en xeral, o Concello celebrará un novo obradoiro de decoración dentro da campaña «Decora o teu Nadal», no que os participantes poderán elaborar un abeto iluminado. A proposta, elaborada pola interiorista e voluntaria Maite Lomba, precisa de materiais de baixo custo e/ou de refugallo e terá lugar na Casa dos Alonso entre as 16:00 as 19:00 horas do sábado.

Xa á noitiña, a Igrexa parroquial de Santa María acollerá o Concerto de Santa Cecilia. Os asistentes poderán gozar das actuacións do Grupo de Acordeóns Mascarelhas e a Agrupación Musical da Guarda a partir das 20:30 horas.

Domingo de deporte e culto

O domingo, o barrio da Cruzada rende homenaxe á Santa Catalina coa celebración da popular romaría, organizada pola Comisión de Festas de San Caetano. A celebración dará comezo ás 11:30 horas coa misa na honra da santa e, deseguido, celebrarase a procesión ata a Fonte de Santa Catalina, co acompañamento do grupo de gaitas e baile Xamaraina. Ao remate, a organización servirá un chocolate de balde aos asistentes.

Tamén pola mañá, o Monte Santa Trega e a súa contorna acollerán a celebración do IV Trail do Trega. O evento deportivo, organizado por TimeAventure en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra, estará composta por unha carreira de 18,5 km e un desnivel de 1.100 m, con saída ás 10:00 horas, e unha andaina de 10 km, con saída ás 9:15 horas. O período de inscricións remata mañá e estas poden realizarse a través das páxinas web www.avaibooksports.com e inscripciones.ranckr.com/eventos.

CARTEIS DE TODOS OS EVENTOS:

 

Comments

Leave a Reply