Seis establecementos da Guarda recibiron o distintivo de calidade SICTED na Gala de Turismo Rías Baixas

Seis establecementos da Guarda recibiron o distintivo de calidade SICTED na Gala de Turismo Rías Baixas

O mércores 28 de febreiro tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo a Gala de Turismo Rías Baixas organizada pola Deputación de Pontevedra. A este acto asistiu a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, e outros responsables do sector turístico público e privado de toda a provincia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comezou a súa intervención recoñecendo a profesionalidade e calidade do sector turístico. Pontevedra é a provincia con maior número de distintivos SICTED. Un total de 263 entidades públicas e privadas conta co SICTED, 60 máis que o ano pasado.

A Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño contan dende 2010 co distintivo SICTED aos que se lles suman novos establecementos hostaleiros da Guarda. Polo que durante a gala recibiron este distintivo de calidade o Hotel Convento de San Benito, Restaurante Casa de la Abuela, Restaurante Celtic, Restaurante Marusía, Restaurante Xantar e Cafetería Casa Aquilino. Deste xeito, A Guarda pode presumir de calidade recoñecida nos diferentes establecementos e servizos turísticos.

Na gala tamén se presentou a campaña de promoción “Somos historias” conmemorando deste xeito o Ano Internacional do Patrimonio no que se apostará pola promoción dos nosos tesouros fortificados, arqueolóxicos, paisaxísticos, inmateriais, literarios, culturais, espirituais e naturais.

Comentarios

Leave a Reply