Programación para el primer fin de semana de agosto

Programación para el primer fin de semana de agosto

Festas na honra de San Caetano

O barrio da Cruzada celebra as Festas de San Caetano con unha sardiñada o venres a partir das 21.00 horas, seguida das actuación da orquestra Costa Blanca; e o sábado, coa gran verbena da man de Los Soprano e Ambar. Ámbolos dous días contarán co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas A Boalleira.

O domingo pola mañá será a quenda dos actos relixiosos, coa celebración da misa solemne ás 11.30 horas e a posterior procesión partindo da capela de San Caetano, acompañada polo grupo de gaitas A Boalleira e o coro parroquial. Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, realizaranse as tradicionais puxas e, tras delas, o grupo de pop-rock guardés Songodin’s ofertará un concerto.

Deporte e cultura urbana no porto

O sábado 5 de agosto será o gran día do deporte. Especialmente, daqueles relacionados coa cultura urbana no marco da terceira edición de Galifornia Beat, organizada por Skateboarding360 en colaboración co Concello da Guarda. O evento “multideportivo e multicultural”, segundo o definen os organizadores, terá lugar na atalaia do porto guardés a partir das 10.00 horas e contará con competicións en tres modalidades de skateboarding: Street skate ou patinaxe de rúa; miniramp, na que os skaters fan uso de pequenas ramplas; e S.K.A.T.E, unha modalidade de competición a dúo na que os contrincantes poñen a proba a destreza do outro na realizaciónde determinados trucos.

As actividades deportivas complétanse coa oferta de clases de break dance e a práctica de flyboard e hoverboard, dúas modalidades acuáticas que permiten elevarse sobre a auga e para cuxo desfrute é preciso inscribirse previamente a través da páxina www.flyboardvigo.com. Amais destas, as persoas que se acheguen á atalaia -na que haberá postos de artesanía, comida, bebida e inchables para os cativos- poderán presenciar as pintadas de graffitis e os concertos, que se celebrarán a última hora da tarde.

Primeiras actividades da Festa do Monte

As primeiras actividades deportivas das Festas do Monte serán tamén o sábado, a partir das 18.00 horas. Por unha parte, no pavillón das Solanas disputarase o Trofeo Festas do Monte de Hóckey Liña, con categorías senior e amateur. Paralelamente, partirá da Alameda da Guarda a tradicional Carreira Pedestre Popular.

A Festa do Monte, con todo, arrincará oficialmente o próximo luns, 7 de agosto, co  pregón inaugural a cargo dun responsable do Real Club Celta de Vigo, precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba. As grandes festas guardesas continuarán durante toda a semana, cunha programación deportiva, cultural e lúdica intensiva ata o 15 de agosto.

O sábado e domingo tamén se ofrecen as <<Visitas guiadas ao Monte Santa Trega>> para os interesados en coñecer o monte con maior profundidade. A visita de 90 minutos comeza no Museo ás 12.30h e ás 17.00h. E a visita centrada no Castro de 30 minutos de duración e comeza ás 16.00h no Castro.

Ademais continúa a exposición <<Viaxando pola historia, cen anos do MASAT>> que conmemora o centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega e que se pode visitar na Casa dos Alonso ata o 27 de agosto. De martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00. Os domingos e días festivos de 12.00 ás 14.00 horas.

A exposición mostrará a evolución do museo desde os seus inicios no ano 1917, fundado pola Sociedade Prol-Monte, ata os nosos días, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antepasados. Esta é unha excelente oportunidade para todas as persoas interesadas en coñecer de primeira man como eran os habitantes que moraban na cima do Monte Santa Trega e como os membros da Sociedade Prol-Monte dedicaron o tempo para coidar e difundir un dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.

 

Comentarios

Leave a Reply