A Guarda celebra a Semana Santa cunha ampla programación cultural e as tradicionais procesións

A Guarda celebra a Semana Santa cunha ampla programación cultural e as tradicionais procesións

A Guarda celebrará a Semana Santa de 2018 cun amplo programa de actividades culturais para goce da veciñanza e os visitantes. Destacan as tradicionais procesións, así como a oferta de visitas guiadas gratuítas para dar a coñecer a historia e o patrimonio da vila. 

A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente hoxe, 23 de marzo, coa celebración da Procesión do «Venres de Dor», a partir das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. Non obstante, a programación cultural e relixiosa será máis intensa a partir do vindeiro xoves, 29 de marzo, co inicio das visitas guiadas e diversas actividades litúrxicas.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo volverá ofertar as rutas guiadas polo casco histórico da vila, coas que as persoas asistentes poderán coñecer a historia da Guarda a través do seu patrimonio, percorrendo as rúas e prazas do casco antigo, incluído o Castelo de Santa Cruz. Estas visitas realizaranse o xoves, venres e sábado e terán unha duración de 60 minutos. As saídas serán ás 12:30 horas dende a Praza do Reló, onde se atopa a Oficina Municipal de Turismo.

 

A oferta de visitas guiadas complétase coas populares rutas polo Castro de Santa Trega. Estas visitas, de 30 minutos de duración, levaranse a cabo entre o xoves e o sábado, con saída dende a explanada da Casa Forestal ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas. As visitas guiadas son gratuítas e non precisan de inscrición previa. Deste xeito, as persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega e o casco urbano guardés, deberán presentarse á hora de comezo de cada ruta no punto de encontro sinalado.

Este ano, ademais, contaremos cun vistoso desfile de traxes rexionais e unha regata.

Na proposta cultural durante esta Semana Santa compre ter en conta a Rede de Museos da Guarda. Así, o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) permanecerá aberto de martes a domingo en horario de 10:00 a 20:00 horas, namentres o Museo do Mar abrirá as súas portas entre o xoves e o domingo en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e tarde (16:00 a 19:00 h). Pola súa parte, o espazo público do Castelo de Santa Cruz ampliará o seu horario de apertura de 10:00 a 20:00 horas. Na fortaleza guardesa, as persoas que se acheguen poderán gozar da mostra escultórica «Nado en pedra», realizada polo alumnado da Escola de Cantería de Pontevedra.

Traxes rexionais e deporte

Durante a próxima semana, máis de 700 campistas de toda España visitarán A Guarda co gaio da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que terá lugar no Camping Santa Tecla entre o 24 de marzo e o 1 de abril. Dentro da intensa programación dos visitantes, destaca o desfile de traxes rexionais que se celebrará o xoves 29 de marzo. Nel, os campistas sairán da Alameda agrupados por Comunidades Autónomas para amosar a vestimenta tradicional de cada unha delas. O desfile rematará no Auditorio de San Bieito, coa inauguración oficial da acampada e a recepción dos campistas na Guarda.

O sábado, 31 de marzo, teremos tempo para gozar do deporte na XIX Regata de Bateis Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón, organizada polo Club de Remo en colaboración co Concello da Guarda. A competición, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Remo, terá lugar no Porto da Guarda a partir das 16:00 horas.

Actos relixiosos

En canto á actividade litúrxica, a programación máis destacada ocúpana as procesións e a tradicional bendición de ramos e palmas o 25 de marzo (Domingo de Ramos) na Praza de San Bieito ás 11:00 horas. O Xoves Santo virá marcado pola «Procesión dos Pasos», con saída ás 20:30 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. O Venres Santo terán lugar, dende o mesmo punto, a «Procesión do Encontro» (11:00 h) e a «Procesión do Santo Enterro» (20:30 h).

A Semana Santa guardesa pechará coas Festas da Pascua de Buxán, que darán comezo mañá, 24 de marzo, coa celebración do «XI Serán de Buxán» ás 22:00 horas na praza de Buxán, e continuará o vindeiro sábado, 30 de marzo, cos tradicionais xogos populares (16:00 h) e a posterior verbena, amenizada polas orquestras América e Magical (23:00 h).

O 1 de abril, Domingo de Pascua, o barrio salcidense reservará o día para gozar da gastronomía, cunha zorzada e polbo á feira pola mañá (a partir das 11:00 h) e unha Festa do Biscoito pola tarde (a partir das 16:00 h). A xornada estará amenizada polo pasacalles de Airiños do Folón e o ‘Concurso do pau enceirado co xamón arriba’ a partir das 15:30 horas. O broche de ouro destas festas virá da man do Coro Fuscalheiro, que actuará a partir das 19:30 h.

Horario da Oficina de Turismo

A Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Reló, abrirá dende o luns 26 ata o sábado 31 de marzo cun horario ampliado, isto é, de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegarse á oficina, contactar co departamento de Turismo a través do teléfono 986 614 546 e/ou o correo electrónico turismo@aguarda.es, ou ben consultar a páxina web www.turismoaguarda.es e a páxina de Facebook de Turismo A Guarda.

Comentarios

Leave a Reply