Gastronomía, cultura e homenaxe á «Marea Branca»: protagonistas da fin de semana na Guarda

Gastronomía, cultura e homenaxe á «Marea Branca»: protagonistas da fin de semana na Guarda

O Concello da Guarda ofrece esta fin de semana bo número de actividades para gozar do tempo de lecer na nosa vila. Así, hoxe comeza a ruta «Petiscos con Arte» e á noitiña poderemos desfrutar do mellor cine  dramático coa proxección de «Sully». O sábado terá lugar unha charla sobre alimentación saudable para mulleres e, o domingo, organízase unha sentida homenaxe á «Marea Branca», coincidindo co décimo quinto aniversario do afundimento do Prestige.

Gastronomía, arte e cultura

Este mediodía comezou a nova ruta gastronómica «Petiscos con arte», na que participan os seguintes establecementos hostaleiros e artistas locais: a cafetería Alameda, con fotografías de Eva Peixoto; a cafetería Art Café, con fotografías de Carlos Pascual; a cafetería e tasca As Pozas, con exposición fotográfica de Iago Alonso; a vinoteca Avenida, cunha mostra pictórica de Elena Cividanes; a bocatería Brétema, con escultura de Carlos Carrera; o bar Cramoeiro, con pinturas de Silvia Represas; a cafetaría Kanella’s, con fotografías de Eva García; a cervexaría La Casilla, cunha mostra pictórica de Lucía Baz; o restaurante La Pizzicata, con fotografías de José C. Castro; a bocatería Marbella, coas pinturas de Naa Martínez; a cafetaría Novo Bar, con esculturas de Anxo Ferreira; o restaurante O Cangrexal, con pintura de Teresa Dorado; o bar Terra Verde, cunha exposición fotográfica de Anxo Vaquero; o restaurante Xantar, cunha mostra pictórica de Mercedes Doval; e o restaurante Xeito, con pinturas de Charo Trigo.

En todos eles poderemos probar pequenas degustacións da nosa gastronomía a un custe único de 1,50 € (bebida non incluída), mentres contemplamos as exposicións de obras pictóricas, escultóricas e fotográficas de diversos artistas locais e da contorna.

A ruta poderá completarse nestas dúas últimas fins de semana de novembro, de venres a domingo, e en horario de 12 a 14 h e de 18 a 21 h. Entre todos os participantes sortearanse 5 lotes de albariño Gran Novás, adega colaboradora na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.

Esta noitiña, ademais, poderemos gozar dunha nova entrega do  ciclo  “Cinema de outono” coa proxección da película «Sully» no Centro Cultural. Trátase dun drama baseado na historia real do piloto aéreo Chesley «Sully», convertido en heroe no ano 2009 tras lograr unha aterraxe de emerxencia sobre o río Hudson. A cita será ás 21 h.

Mañá sábado temos unha nova charla dentro do ciclo «Cóidate, muller!», organizado pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Nesta ocasión, contaremos coa intervención da Técnica Superior en Dietética, Conchi Adrover Pacheco, que falará sobre «Alimentación saudable para mulleres», a partir das 20 h no Centro Cultural.

Homenaxe á Marea Branca

Como remate ás actividades programadas durante a fin de semana, este domingo celebrarase unha homenaxe aos voluntarios e voluntarias da «Marea Branca», que fai agora quince anos axudaron a limpar as nosas costas tralo afundimento do petroleiro Prestige. Ás 12:30 h, no Mirador de Fonte Quente, encontrarémonos co alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; o membro de Greenpeace e voluntario, Alejandro Vilela; e o autor do monumento e impulsor da iniciativa, Xabier Garrido.

Por motivos de saúde, a intervención do ex-patrón maior da Confraría de Baiona (Suso López) anunciado inicialmente, será substituído polo presidente da asociación medioambiental ANABAM, Agustín Ferreira.

O acto acompañarase coa interpretación de varias pezas a cargo dos grupos O Trebón dos Xidos e A Boalleira, e coa exposición dunha pancarta elaborada polos alumnos de terceiro curso de primaria do CEIP As Solanas, baixo a coordinación da mestra Olga Rodríguez Vicente.

Comentarios

Leave a Reply