A Guarda recupera a Festa do Peixe Espada e celebra a súa XIII edición os días 30 e 31 de xullo

A Guarda recupera a Festa do Peixe Espada e celebra a súa XIII edición os días 30 e 31 de xullo

A Festa do Peixe Espada volve á Guarda despois de nove anos de ausencia. A última fin de semana de xullo, o sábado día 30 e o domingo 31, celebrarase no Porto da Guarda a XIII Edición dunha festa que volve como unha cita destacada dentro dos eventos gastronómicos da Comarca.

OR.PA.GU., a organización de palangreros guardeses que organiza esta festa, logra recuperar así unha celebración adicada a un peixe moi importante para a Guarda, pois a localidade ten o 40% da flota nacional do mesmo. Por iso para esta festa a organización porá a disposición dos hostaleiros da vila arredor de 2.000 racións de peixe espada, para que todos os asistentes poidan probalo nas distintas variedades preparadas polos cociñeiros locais.

Entre as novidades deste ano destaca que, por primeira vez, coordínanse os dous sectores máis importantes da Guarda, a hostalería e a pesca, para poder ofrecer ós visitantes a mellor das celebracións. Esta Festa contará, ademais de cos manxares elaborados co peixe espada, cunha variedade de actuacións musicais durante toda a fin de semana, ademais de actividades para os máis cativos da casa.

O concello da Guarda quere convidar a todo o mundo a achegarse ata o Porto da Guarda e degustar as delicias gastronómicas nunha XIII Edición da Festa do Peixe Espada que dará comezo o sábado día 30 ó mediodía, na carpa do Porto, coa apertura oficial da Festa e o pregón.

Comentarios

Leave a Reply