O pregoeiro Tino Baz e a cociñeira Chus Castro brillaron con luz propia na XIII Festa do Peixe Espada da Guarda

A última fin de semana de xullo tivo un sabor moi especial na Guarda. Tras unha ausencia que se prolongou durante 9 anos, volveu á vila unha das súas festas gastronómicas máis recoñecidas, a Festa do Peixe Espada. Esta foi a XIII edición da celebración organizada por OR.PA.GU en colaboración co Concello da Guarda.

A festa comezou o sábado da mellor maneira posible, cun pregón á altura da importancia dun día tan especial para a localidade, que foi ofrecido polo cantautor guardés Tino Baz, recoñecido e admirado entre os seus veciños e veciñas, pero tamén no resto da xeografía galega. Este foi precedido pola intervención do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, quen se encargou de dar a benvida á festa, cunhas verbas adicadas á importancia dos palangreiros e un especial agradecemento a OR.PA.GU. polo traballo de visibilización da flota guardesa, que supón o 40% da flota nacional do peixe espada.

A continuación presentou ó pregoeiro, quen fixo unha espectacular entrada á carpa do Porto da Guarda, tocando a gaita ata chegar o escenario, entre os aplausos dos asistentes. No discurso que ofreceu, coa súa potente e característica voz, quixo destacar o valor gastronómico e nutricional do peixe espada, o emperador dos mares como o definiu, e a importancia de que unha festa como esta tamén aposte pola cultura, a conciencia, a música e a creatividade. Todo isto, afirmou, se pode ver nesta celebración a través do XIII Concurso de carteis “Festa do Peixe Espada” e do I Concurso literario infantil “Homes e mulleres do mar”, cuxos premios se entregaron tras o propio o pregón.

Ese mesmo sábado día 30 tamén se puido desfrutar da actuación de música tradicional de “Fuscalho”, da actuación do grupo Ángel América (ex-vocalista da orquestra América) e da segunda proba do I Campionato Galego de Slalom Integrador.

Xa no segundo día deste vento, o domingo 31 de xullo, a principal protagonista da xornada foi a cociñeira Chus Castro do Restaurante Bitadorna, que leva 23 anos atendendo ó público na Guarda e 6 co establecemento do mesmo nome que abriron en Vigo. A cociñeira guardesa fixo unha demostración en vivo e directo de como se pode preparar o peixe espada de diferentes xeitos, demostrando a versatibilidade deste produto. Nesta masterclass preparou cinco pratos no escenario, en directo e amosando a todos os que se atopaban como realizalos paso a paso. O primeiro foi un tartar, a continuación, c unha preparación similar fixo unha receita moi diferente e das que máis gustou o público: unhas sorprendentes hamburguesas de peixe espada con sésamo. A orixinalidade foi a tónica común dos pratos alí mostrados, que se completaron cun tataki, un carpacho aliñado con alioli de soia e salsa de allo negro e por últimos uns tacos de peixe espada con doce de piña.

Rematou así esta mostra na que se puido comprobar a destreza dunha das cociñeiras máis destacadas da Comarca do Baixo Miño e de toda Galicia, cuxo Restaurante da Guarda foi recoñecido como unha das mellores marisquerías de toda España para o cal o segredo, afirma, é manter a calidade a pesar da dificultade dos tempos e ofrecer unha combinación de marisquería, cociña creativa e artesá na que se fagan cousas sinxelas que potencien o sabor dos produtos utilizados sen escondelos.

Ademais, durante toda a fin de semana tivo lugar na carpa do Porto da Guarda o IV Máster Nacional de Futbolín, houbo diferentes actividades para os nenos e nenas e, por suposto, se puido desfrutar o peixe espada en todas as súas variedades: á prancha, en empanada, en forma de croquetas, en salpicón, etc.

De toda esta oferta de actividades lúdicas e culturais puideron desfrutar os centos de visitantes que se achegaron este sábado e domingo á Guarda para rematar o mes de xullo degustando un dos peixes máis sabrosos da nosa gastronomía nunha contorna

 

Comentarios

Deja una respuesta