• Nesta primeira aproximación ao territorio visitaron o Mosteiro de Oia, as redeiras da Guarda, unha adega no Rosal e un viveiro en Tomiño
  • Durante a xornada mantiveron un encontro con empresas do Xeodestino para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos turísticos

 

Coñecer de primeira man as oportunidades turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Ese era o obxectivo co que 14 touroperadores de Galicia e Portugal estiveron percorrendo o territorio nunha visita que supuxo dar os primeiros pasos para estreitar lazos e crear sinerxías co tecido empresarial dos 14 concellos do Xeodestino.

Convidadas e convidados polo Xeodestino, durante toda a xornada, representantes de Rutas Meigas, Tee Travel, Galiwonders, Circuítos Galicia, Always Spain Incoming, Simply Galicia, Pambre Tours, Arribeirados, Grupo Acuña Ons, Go Travel Portugal e Art Natura coñeceron algúns puntos de referencia para o turismo da comarca do Baixo Miño na procura de experiencias que trasladar á súa clientela.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, recibía á delegación antes de entrar a unha interesante visita ao Mosteiro de Oia, un lugar con séculos de historia no que puideron coñecer de primeira man o proxecto de recuperación previsto e as actividades que xa se están a desenvolver, como as visitas guiadas, as actividades culturais ou o museo no que se conservan partes das inscricións e debuxos feitos nas paredes polos reclusos que pasaron polo mosteiro durante a Guerra Civil.

A seguinte parada no percorrido foi na Guarda, onde tras a recepción do concelleiro de Turismo, Fernando Reyes, as redeiras da Asociación Atalaia ensinaron o seu labor diario, un oficio tradicional no que todo se fai a man con moitas horas de traballo e paciencia. Ademais de elaborar e reparar redes, as sete mulleres que actualmente forman parte da asociación tamén fan visitas guiadas e obradoiros e elaboran pezas de artesanía tecidas con redes e nos mariñeiros.

Na procura de experiencias diferenciais, os touroperadores amosaron especial interese tamén polo traballo realizado nas adegas do Rosal. En Terras Gauda puideron achegarse ao mundo da viticultura, á historia da enoloxía na comarca e degustar algúns dos viños con DO Rías Baixas Subdelegación O Rosal. Parada imprescindible tamén nos viveiros tomiñeses para coñecer o labor cotiá realizado nun sector que exporta produtos do territorio a todo o mundo. A delegación de visitantes percorreu Viveiros Río Tollo para familiarizarse co mundo da planta ornamental e as súas posibilidades turísticas.

Con moita ilusión polas iniciativas atopadas, os touroperadores achegáronse ao Hotel Talaso Atlántico para degustar un menú feito polo chef Javier Fins con produtos do territorio, pratos todos elaborados con materia prima do mar e da horta e con viños da comarca como acompañamento.

A xornada pechouse cun encontro entre os touroperadores e máis dunha trintena de empresas do territorio para tecer unha rede de traballo e fomentar a creación de paquetes e produtos que involucren á oferta turística e ao sector terciario. Como sinalou a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “workshops como o que estamos a celebrar hoxe son unha iniciativa fundamental para que todos os sectores se comuniquen e complementen para potenciar o turismo no territorio”. Unha idea na que incidiu o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que agradeceu “que se fagan estas cousas para coñecernos e traballar xuntas e xuntos polo territorio”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, explicou a todas e todos os participantes que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño naceu “para promocionar todos a unha o noso territorio, que ten un potencial incrible. Só fai falla unir aos touroperadores ás nosas gañas e ilusión para facer do Xeodestino un referente turístico”. Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recalcou a importancia de “saír da esfera do local para entender o territorio como un conxunto de oportunidades”. Durante a xornada tamén estiveron presentes o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González; a concelleira de Turismo de Soutomaior, Silvia Cernadas; a concelleira de Mos Sara Cebreiro e a edil de Turismo de Baiona, Sheila González.

Esta colaboración coas axencias de viaxe que posúen unha ampla experiencia na comercialización de produtos turísticos a nivel nacional e internacional permitirá facilitar o acceso das empresas turísticas do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ás canles de comercialización e promoción máis relevantes.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores en FITUR cun obxectivo claro: que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González.

Todo conseguido, como sinalaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño,  grazas “ao esforzo colectivo dos 14 concellos que compoñen o Xeodestino, porque ese traballo xuntos e xuntas, en equipo, sen fisuras, é o que fai que sexamos máis fortes”. “É un orgullo ter sacado con este éxito o noso Xeodestino, que para nós supón un reto, para o noso territorio unha mellora e para os nosos veciños e veciñas unha nova forma de entender, gozar e divulgar todo o que temos”, recalcou.

Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que están a facer un excelente traballo poñendo en valor os produtos locais do Xeodestino e ofrecendo ás e aos turistas a mellor versión do territorio. O chef de cociña do Hotel Talasso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.

José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Forno de Mosende do Pan do Porriño agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.

O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.

No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino xunto aos de Nigrán e Tomiño, como Antonio Lomba, da Guarda; Carlos Gómez, de Baiona; Paco Ferreira, de Gondomar; Nidia Arévalo, de Mos; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández Callís, do Rosal; Eloísa Nogueira, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; Agustín Reguera, de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, de Tui, ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio e técnicos e técnicas do territorio.

O plan foi presentado en Nigrán nun acto no que participaron o Delegado do Goberno en Galicia, a directora de Turismo de Galicia e alcaldesas e alcaldes dos 14 concellos do Xeodestino

 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, do que forma parte o Concello da Guarda, continúa dando pasos adiante para ofrecer un turismo de calidade, sostible, profesionalizado e inclusivo. Liderado por Eu Rural e coa implicación dos 14 concellos do territorio, o Xeodestino vén de conseguir 1,5 millóns de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino, ‘A Despensa de Galicia’, que busca transformar o modelo turístico do territorio en base ao potencial da súa enogastronomía. Este plan conta con financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para impulsar a transformación do territorio baseándose nun produto turístico sostible a través de fondos europeos Next Generation.

Rafa Álvarez, Concelleiro de Turismo da Guarda, valorou moi positivamente o proxecto  ‘A Despensa de Galicia’, que repercutirá na mellora de todo o territorio con proxectos específicos en cada concello e accións tamén na Guarda, que se suman ao PSTD da Guarda, co cal tamén o noso municipio recibirá 1 millón de euros, nun ambicioso proxecto que será presentado oficialmente en próximas datas. “Sen dúbida unha aposta importante do goberno do estado coa Guarda e a súa contorna, que se verá plasmada en proxectos que poderán desfrutar e gozar os nosos veciños e visitantes” indicou Rafa Álvarez.

“Hoxe é para nós un día moi importante, porque todas e todos xuntos conseguimos poñer en marcha un novo proxecto que axudará a dinamizar e adaptar o noso sector turístico ás novas necesidades”, salientaba Juan A. González, representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán durante o acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) este mércores no Centro de Negocios Porto do Molle, en Nigrán. Como destacaba González, “no Xeodestino apostamos por deixar de pensar no local e por actuar como un todo. Por iso o noso PSTD non é un reparto de accións ou orzamento entre os 14 concellos que o conformamos, senón unha planificación estratéxica que facemos a nivel turístico, incidindo naquelas intervencións clave que consideramos que poden axudar a mellorar ao noso sector e que nos fagan máis competitivos”.

Este plan será “unha oportunidade única para financiar actuacións transformadoras e de calado suficiente como para converter a Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino sostible, innovador, competitivo e rendible co que atraer a un turismo de alto valor engadido baseado na calidade e na sostibilidade”, sinalaba a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Un paso moi importante, xa que, como recordaba a presidenta durante a presentación “o plan suporá tamén apoiar á economía local, apostar pola saúde, polo medio ambiente, polo desenvolvemento dos territorios dende a sostibilidade, polo patrimonio, pola cultura, pola profesionalización e a calidade do sector, pola promoción e dinamización conxunta e, sobe todo, apostar polas empresas que temos no territorio que fan que o noso destino turístico cada ano sexa mellor, máis respectuoso e de maior calidade”.

O PSTD contempla a posta en marcha de diferentes iniciativas centradas en catro eixos de actuación diferentes. Para unha transición verde, o plan impulsará intervencións de rexeneración de espazos de gran valor ambiental, a rehabilitación de infraestruturas turísticas para a súa adaptación ao cambio climático, a mellora da xestión de residuos nas festas gastronómicas ou a creación dunha rede de miradoiros. Nese camiño de sostibilidade e para afondar na eficiencia enerxética, ao abeiro do plan crearanse itinerarios cicloturistas na contorna de recursos gastronómicos, reforzarase a rede de sendeiros homologados e acometeranse proxectos de iluminación monumental de elementos significativos do patrimonio histórico do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Buscando a dixitalización do destino turístico, levaranse a cabo accións para enriquecer e mellorar a interpretación do patrimonio material e inmaterial vinculado á enogastronomía e adoptaranse solucións intelixentes para a mellora da sinalización turística. Ademais, o PSTD pretende canalizar esforzos cara ao sector privado buscando unha maior competitividade e consolidando o turismo como motor do desenvolvemento económico, polo que apoiará aos elos da cadea de valor máis vinculados coa enogastronomía para a súa transformación e para a incorporación da innovación nos seus procesos, co obxectivo de poñer en valor a cociña e os produtos locais. Isto completarase cunha actuación específica de turismo industrial, que fomentará a creación de rutas e experiencias arredor de elementos do patrimonio enogastronómico do territorio.

O acto de presentación do PSTD contou tamén coa participación do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, quen recordou que a consecución dos fondos servirá para “consolidar este Xeodestino como motor de cambio e de desenvolvemento económico do territorio. Traballa cun plan ben feito que dá resposta ao obxectivo de cohesión territorial, porque a unión fai a forza, e de transformación do turismo dende a sostibilidade”.

Unha sostibilidade “tamén económica e social”, como sinalaba a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que se amosou convencida de que “o Xeodestino ten todas as características necesarias para posicionarse a nivel galego pero tamén nacional e mesmo, nun futuro, a nivel internacional”. Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, destacou que “o turismo non se entende sen esa colaboración público-privada, unha colaboración que se recolle neste plan do Xeodestino que sen dúbida seguirá atraendo xente a Galicia”.

No acto de presentación tamén participou a subdelegada do Goberno de Galicia, María del Carmen Larriba; o delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o rexedor de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; o alcalde de Gondomar, Paco González; a rexedora de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a rexedora do Rosal, Ánxela Fernández Callís; a alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a rexedora de Redondela, Digna Rivas; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; concelleiras e concelleiros, así como persoal técnico e empresas dos 14 concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

A enogastronomía convértese neste PSTD na excusa perfecta para aglutinar accións que vertebren un xeodestino tan heteroxéneo como o da Ría de Vigo e baixo Miño, que reúne aos concellos de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui. O plan foi froito dun proceso participativo con reunións con actores dos ámbitos público e privado do ecosistema turístico dos 14 municipios do territorio e mesmo unha enquisa aberta ao público xeral.

Alcaldes e alcaldesas e concelleiros e concelleiras dos 14 concellos do xeodestino reuníronse este mércores no Pazo de Mos para facer balance dos traballos realizados e traballar na nova programación
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, continúa un ano máis como representante institucional do Xeodestino

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para converter o territorio nun polo de atracción turística. Alcaldes e alcaldesas e concelleiros e concelleiras dos 14 concellos que conforman o xeodestino reuníronse este mércores no Pazo de Mos para facer balance dos proxectos realizados no 2020, no que se seguiu traballando para crear novos produtos turísticos e artellar ferramentas clave para a interacción coas persoas visitantes.
Nese camiño por desenvolver produtos turísticos de calidade baseados nos recursos, identidade e tradición do territorio, o ano pasado creáronse catro novas rutas centradas na pedra e no patrimonio oculto, deseñáronse dúas novas postais sonoras coa illa de San Simón e a Virxe da Rocha como protagonistas, artellouse un banco de imaxes con 350 fotografías, puxéronse en marcha a web e redes sociais do xeodestino e elaborouse un novo vídeo que, baixo o lema ‘Toda Galicia na túa man’, servirá para promocionar o territorio.
Na reunión acordouse por unanimidade a reelección da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, como representante institucional do Xeodestino tras estar no cargo un ano no que a pandemia freou de xeito importante a actividade turística. No encontro tamén participaron Antonio Lomba, rexedor da Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Juan A. González, rexedor de Nigrán; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, rexedora de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Sandra González, alcaldesa de Tomiño, e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, así como Sara Cebreiro, concelleira de Política social, Igualdade, Cultura e Turismo de Mos; Eloísa Nogueira, concelleira e tenente de alcalde de Pazos de Borbén; David Alonso, concelleiro de Deportes, Benestar Social, Igualdade, Formación, Emprego, Novas Tecnoloxías e Turismo do Porriño; Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura e Turismo de Redondela, e Cristina González, a concelleira de Soutomaior.
Novos proxectos
Durante o 2021 o xeodestino dará continuidade ás actuacións xa postas en marcha o pasado ano, con especial énfase na creación de contidos turísticos e novos formatos. Así, tendo en conta o Xacobeo 2021-2022, este ano o Camiño de Santiago terá un especial protagonismo con accións encamiñadas a aumentar a estancia posterior no territorio de peregrinos e peregrinas, visibilizando os principais atractivos da contorna das dúas variantes oficiais que pasan polos concellos do Xeodestino. Tamén apostarase pola enogastronomía como eixo central de novos produtos turísticos en base ao potencial vitivinícola e ás festas gastronómicas do territorio, conformando unha oferta singular, sustentable e desestacionalizadora que combine tradición e innovación.
Por outra banda, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño porá en marcha tamén liñas de traballo que faciliten ás empresas o deseño de produto turístico comercializable, fomentando o traballo en rede e a creación de sinerxías. Ademais continuarase coa actualización de contidos, crearase novo material audiovisual, ampliarase o banco de imaxes e desenvolverase material para que as oficinas de turismo acheguen o territorio a todas as persoas visitantes.
Dende o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quérese agradecer a implicación do Pazo de Mos, que cedeu as súas instalacións para poder celebrar esta reunión de balance e programación de traballos para o 2021 cumprindo con todas as medidas e protocolos de seguridade.

O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño está a piques de celebrar a súa posta de longo. Os 14 alcaldes e alcaldesas dos concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.

O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu este luns 13 a reunión dos alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o Xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexidor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.

Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos e deron os primeiros pasos para nomear a un novo representante institucional, cargo anual que durante o arranque do Xeodestino ocupaba Baiona.

Proxectos comúns

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.

No marco da Estratexia de Turismo do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, vén de poñerse en marcha unha páxina web que pretende servir como mecanismo de participación a toda aquela persoa que desexe aportar as súas opinións e valoracións.

Así mesmo, servirá como vehículo de comunicación de diferentes avances do plan estratéxico. Toda persoa, empresa ou institución con interese no sector turístico, pode participar accedendo á ligazón http://estratexiaturismo.riadevigobaixomino.com/.

A razón de ser desta web é a implicación e participación de profesionais do turismo e da poboación local, de cara a obter unha óptima radiografía da situación actual que sirva como punto de partida á hora de definir estratexias que permitan mellorar a competitividade do sector turístico dos 14 concellos que compoñen o xeodestino.

Dende o Concello da Guarda agradecese a participación de toda aquela persoa interesada en aportar ideas e valoracións a este proxecto turístico.