O pasado venres 9 de xullo os alcaldes e alcaldesas de A Guarda, O Rosal, Oia e Baiona, xunto coa concelleira de turismo de Nigrán, tiveron unha reunión co Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, para trasladarlle, de primeira man, algúns problemas relacionados co Camiño Portugués da Costa que, a xuízo dos edís, poden prexudicar ao propio Camiño da Costa e sobre todo á experiencia dos peregrinos.
Un dos problemas que se puxo encima da mesa foi a dificultade que os peregrinos poden atopar ao tentar cruzar o esteiro do Miño. Dado que precisamente o pasado venres comezou a funcionar o ferri entre Camiña e A Guarda este problema está practicamente resolto. Ademais os peregrinos tamén poden pasar o río facendo uso das embarcacións coñecidas como taxi-mar, aínda que estas presentan o inconveniente das elevadas tarifas. Os asistentes a reunión acordaron indagar sobre a posibilidade de ter nun futuro próximo outra liña de transporte de pasaxeiros no esteiro.
A outra cuestión que se abordou e que os presentes consideraron máis preocupante para o Camiño Portugués da Costa é a información que se está dando en Portugal sobre este itinerario Xacobeo. Están aparecendo distintas publicacións e sinalizacións sobre o terreo que utilizan a simboloxía do Camiño de Santiago e o nome do Camiño Portugués da Costa que en nada se parecen ao itinerario oficial. Algunhas destas sinalizacións incluso restán realizadas por institucións, como é caso da Cámara de Vilanova de Cerveira.
Os responsables municipais pedíronlle ao representante do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, que tomara cartas no asunto e que se dirixa a Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, para denunciar e corrixir o uso que se está a facer do nome Camiño Portugués da Costa para itinerarios que nada teñen que ver co oficial.
A reunión rematou facendo unha valoración positiva por parte dos asistentes tanto da progresiva volta de peregrinos ao Camiño, como da evolución que, dende a súa oficialización no ano 2016, ten experimentado o Camiño Portugués da Costa, sendo un dos itinerarios Xacobeos que máis ten evolucionado en porcentaxe de peregrinos.

Na xornada do martes día 15 de outubro A Guarda recibiu a visita de dous importantes Blogueiros ligados aos sectores da gastronomía e do turismo internacional.

Esta visita está enmarcada no Proxecto «Maridando coas xentes do Camiño. Blog Trip de gastronomía e encontros 2019» onde catro dos Bloggers de viaxes e gastronomía máis importantes de España percorrerán o Camiño Portugués da Costa, unha das rutas xacobeas menos coñecidas, degustando en cada etapa as Denominacións de Orixe e os produtos de Indicacións Xeográficas Protexidas da gastronomía galega, realizando varios encontros con colectivos das xentes do Camiño en cada etapa.

No caso da Guarda participou o blogger Alberto Ribas @Alvientoo, con máis de 21,000 followers en instagram, finalista dos «10 Blogs más populares de Fitur», especializado en viaxes e gastronomía, xurado gastronómico e blogger invitado en campañas turísticas en México, Rumanía, Georgia, La Rioja ou Mallorca. Tamén contouse coa participación de Diana Millos @dianamiaus, con máis de 131,000 followers en instagram, instagrammer en inglés de referencia para destinos internacionais.

Unha actividade que se realiza no meses de outubro e novembro para desestacionalizar o sector.

Na Guarda os bloggers reuníronse co colectivo de redeiras da Asociación de Redeiras Atalaia, onde puideron comprobar como é o seu traballo na nave que teñen no Porto da Guarda, intercambiando diferentes experiencias sobre o mundo do mar e da pesca, o seu valor cultural, patrimonial e social. O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Patrimonio, Montserrat Magallanes, lles deron a benvida na Nave de Redeiras, compartindo con eles a súa experiencia nesta etapa do Camiño Portugués da Costa, xunto cos representantes da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda.