O acto de presentación deste importante proxecto que pon en valor os castros da provincia tivo lugar na Casa dos Alonso na tarde do pasado mércores.

Ás 16:30h deu comezo o acto o Alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, quen deu a benvida aos alcaldes e concelleiros presentes e que tamén forman parte deste proxecto que engloba a 16 concellos pontevedreses. O Alcalde agradeceu a Deputación que escollese A Guarda para ser escenario desta presentación onde o Castro de Santa Trega destaca pola súa extensión,

O Proxecto Trazas comezou no ano 2015 coa firma do convenio entre a Deputación e o Ministerio de Fomento e incluía na súa primeira fase a escavacións dos 17 castros seleccionados da provincia. A primeira intervención arqueolóxica foi no Castro de Santa Trega, reescavando o sector coñecido como barrio de Mergelina.

Nesta nova fase do proxecto presentada no Concello da Guarda apostase pola dixitalización dos castros co lanzamento dun portal web específico que contribúa á posta en valor destes xacementos e onde se localizan diversos contidos como pezas audiovisuais. Ademais completase coa creación de materias didácticos para os escolares e material para familias, científico,… Esta web e os contidos irán mudando e ampliando a medida que avance este proxecto coa musealización dos castros escavados.

Estas novidades foron presentadas por Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación e responsable das 17 escavacións realizadas dos 16 concellos. Nesta proposta dixital o Castro de Santa Trega destaca con imaxes espectaculares e contidos pero sobre todo porque identifican ao noso castro como a primeira cidade da provincia pola súa extensión, complexidade no urbanismo e na que habitaron unhas 5.000 persoas.

O acto continuou coa intervención de Cesáreo Pardal, Presidente do Clúster de Turismo, que amosou a satisfacción pola aposta de produtos que desestacionalicen o turismo na provincia. Despois interviu Nava Castro, Deputada Provincial de turismo, quen agradeceu o esforzo pola dixitación dos castros porque permite que veciños e visitantes podan coñecer a riqueza arqueolóxica da provincia.

Luis López, Presidente da Deputación, pechou a rolda de intervencións amosando así o compromiso da Deputación para ampliar este programa integral e recoñecendo que esta presentación tiña que ser no Concello da Guarda pola importancia do castro de Santa Trega.

Como peche do acto fíxose a entrega simbólica aos concellos presentes dun exemplar impreso do seu castro. Todo este material xa está dispoñible en www.trazas.turismoriasbaixas.com

A Deputación de Pontevedra deseñou unha campaña turística para 2021-2022 con tres fases que se irán sucedendo segundo a evolución sanitaria e as restriccións de mobilidade.

A primera fase que comeza hoxe “Momentos Rías Baixas” é unha campaña a través de redes sociais e que convida a que compartamos os nosos recordos e vivencias a través de fotos ou vídeos. Ademais haberá 5 sorteos de packs de estancias e actividades turísticas a disfrutar na provincia.

Todos podemos participar en dar a coñecer a nosa provincia, aquelo que nos quedou gravado na memoria como a visita ao Monte Santa Trega ou o pracer da cociña guardesa.

A dinámica é sinxela hai que publicar a foto ou vídeo dun lugar ou actividade da provincia no muro personal de Instagram, Facebook o Twitter cunha breve descrición dese momento especial.

Haberá ata 5 sorteos e podes participar coas fotos que queiras en cada sorteo.

Para participar no sorteo ten en conta:
-Incluír os hashtag “#momentosRíasBaixas” e “#PontevedraProvincia”
-Etiquetar na foto ou vídeo o perfil de Turismo Rías Baixas nesa rede social.
– O perfil social debe ser público.
– Non entrarán no sorteo as publicacións efémeras como “ Stories” ou “ Fleets”.
– As fotografías ou vídeos teñen que ser originais e propias.
– Se aparecen outras persoas, hai que dispor do seu permiso expreso para a súa publicación.

Prema para máis información e consultar as bases completas

 

O Concello da Guarda asinou o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra co obxectivo de promocionar e reforzar a marca Rías Baixas como un destino turístico global e de calidade.

A creación da Rede de Oficinas de turismo encadrase no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2020, que contempla dispor dunha rede de oficinas de turismo que sexan consideradas o “pilar básico para reforzar a prestación dun servizo de calidade e homóxeno do destino.

Para este 2018 a Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello da Guarda un informador turístico para os meses de outubro e novembro e que prestará servizos na oficina de turismo municipal situada na Praza do Reló.

O Concello da Guarda participou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2018, que se celebra entre os días 17 e 21 de xaneiro en Madrid, impulsando a promoción da vila como destino turístico de calidade.

A delegación da Guarda -formada pola concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, o concelleiro de Patrimonio, Xavier Crespo, e a técnica de Turismo, Rosalía Verde- mantivo durante as xornadas do mércores e xoves, días 17 e 18 de xaneiro, diversas reunións e encontros con consultores turísticos especializados, empresas de turismo tecnolóxico e turismo activo, e importantes axencias turísticas, tanto consolidadas como de creación recente. Estas últimas, especializadas en segmentos do mercado turístico, resultaron de gran interese para A Guarda.

Na tarde do mércores, os representantes da Guarda acudiron ao acto de entrega dos premios EDEN (Destinos Europeos de Excelencia) 2017 que tivo lugar no expositor de Turespaña. No evento, convocado pola Secretaría de Estado de Turismo e presentado polo subdirector xeral de Cooperación e Competitividade Turística, Antonio Nieto Magro, e a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián González, fíxose entrega do galardón ao proxecto vasco «Tierra Ignaciana». Tras a entrega do premio, os técnicos dos destinos EDEN mantiveron a habitual reunión de traballo na que se concretaron as próximas actuacións para a promoción dos Destinos Europeos de Excelencia, entre os que se atopa a vila guardesa.

Con todo, onte foi o día máis importante para a delegación da Guarda nesta trixésimo oitava edición da feira. Ás 12 h, os representantes municipais acudiron á presentación da campaña «Rías Baixas,somos historias» realizada pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de prestixiar a provincia como destino turístico cultural e de lecer e propiciar un turismo desestacionalizado.

Este ano, o Concello da Guarda e a Comisión das Festas do Monte traballarán conxuntamente para lograr o recoñecemento destas como Festas de Interese Turístico Nacional. Con este obxectivo, a delegación guardesa mantivo durante a súa estadía en Madrid reunións con axencias de comunicación e asociacións de xornalistas especializados en turismo.

A delegación guardesa, aproveitando a súa estadía en Madrid, visitou a mostra pictórica «Laberinto de colores» do artista guardés Antonio Martínez («Cachi»), formada por lenzos que amosan a natureza, o mar e a terra, e nos que A Guarda é protagonista. As obras permanecerán expostas na Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 31 de xaneiro.

FITUR 2018

A Guarda, que participa na feira dende o ano 2011, estivo presente durante as xornadas do 17 e o18 de xaneiro no expositor de Turismo de Galicia, ofrecendo información turística de interese ao público en xeral. A información sobre a vila permanecerá exposta ata o remate da feira, para que profesionais e visitantes podan dispoñer dela e coñecer a oferta turística da Guarda.

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) defínese como un punto de encontro global entre os profesionais do sector, coa participación anual de miles de empresas, entidades públicas e profesionais de todo o mundo.

Un ano máis, o Concello da Guarda participa na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 18 ao 22 de xaneiro, a súa 37ª edición.

Dende o día de onte a delegación da Guarda formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes, o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo e a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, está a manter diversas reunións para promocionar e impulsar A Guarda como destino turístico.

O mércores día 18, no primeiro día de FITUR, a delegación da Guarda mantivo varias reunións con consultores turísticos especializados no público alemán, con algún blogueiro italiano e mantivo contactos con importantes axencias turísticas que visitan A Guarda regularmente. Estiveron ademais cos responsables da preparación do proxecto conxunto da Guarda e Caminha para presentar a candidatura do Esteiro do Miño como Patrimonio da Humanidade na categoría de Paisaxe Cultural Transfronteiriza.

Na xornada de onte tamén acudiron a unha reunión, convocada pola Secretaría de Estado de Turismo, con Antonio Nieto Magro, Subdirector Xeral de Cooperación e Competitividade Turística, que vai apoiar os proxectos de promoción dos Destinos EDEN (European Destinations of Excellence). Ademais, estiveron apoiando a presentación de Cambados como Cidade Europea do Viño 2017.

Hoxe, xoves 19, é o día máis importante para a delegación da Guarda, que asistiu ás 12 horas á presentación realizada pola Deputación de Pontevedra do Camiño Portugués da Costa, elixido por Turismo Rías Baixas como o produto a promocionar nesta edición de FITUR e que incluíu o seguinte vídeo, adicado á experiencia única que supón realizar esta ruta.

Así mesmo, a delegación da Guarda continuará mantendo durante o resto da xornada reunións e contactos con axencias e consultorías de Turismo activo.

En datas próximas, dende o Concello da Guarda convocarase a tódolos sectores económicos interesados nunha reunión para tratar a promoción do Camiño Portugués da Costa no seu paso pola Guarda.