-EVENTO APRAZADO-

O Concello da Guarda convida a participar no Proxecto «O Camiño Aguárdate», un proxecto que nace coa idea de promocionar, dinamizar e por en valor todos os atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda con iniciativas que inclúen Xornadas Divulgativas, unha Xornada Medioambiental e Visitas Teatralizadas.

A primeira actividade de «O Camiño Aguárdate» terá lugar os días 6 e 7 de decembro cunhas Xornadas Medioambientais nas que se inclúen unha andaina guiada entre A Pasaxe e un espazo do Monte Santa Trega onde se realizará unha reforestación, que será a segunda actividade proposta, en colaboración con A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de decembro enviando un correo a turismo@aguarda.es ou chamando ao 986614546, As prazas son limitadas.

Esta actividade consta dunha ruta polo tramo do Camiño de Santiago entre A Pasaxe e A Sangriña, que se correspondería coa entrada en Galicia do Camiño de Santiago pola Costa. Nesta ruta falarase sobre a temática das especies invasoras ao longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, dando a coñecer as especies autóctonas forestais que convivían antigamente no camiño.

A actividade pecharase cunha plantación de especies autóctonas nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes de Camposancos, na que se ensinará e explicará os asistentes a forma correcta de plantación e do seu posterior mantemento.