Tag: recunchos con arte

A pasada semana comezou o novo pintado do muro da praia de Fedorento dentro do proxecto “Recunchos con Arte”, unha iniciativa na que se teñen xa realizado outras actuacións no Conservatorio Municipal ou no pintado do Espigón do Porto con “A Guarda escrita nas Estrelas”. Esta proposta é unha das intervencións artísticas que se van realizar este ano e que debido a situación de emerxencia houbo que ir atrasando.

A artista local Tamara Baz comezou o pintado do mural o luns pasado e xa se pode contemplar algúns dos elementos do mundo mariño. No deseño destacan as figuras e os colores vivos no muro que pecha esta praia marítima sendo as dimensións uns 40m2.

Nos últimos anos apostouse polo embelecemento de espazos con diferentes intervencións artísticas todas enmarcadas dentro dun proxecto global definido como “Recunchos con Arte”.

Algunhas intervencións do “Recunchos con Arte” foron realizadas por artistas locais e outras coa colaboración de estudantes ou asociacións da vila. Algunhas das intervención formaron parte da programación de eventos como a Festa da Langosta ou o evento multicultural Galifornia Beat. Debido a cancelación destas festas acordouse realizar varias intervencións artísticas para apoiar os artistas locais e mellorar a imaxe dos espazos públicos para que sirvan tamén de atractivo turístico.