Este venres 13 de xaneiro hai unha nova cita co cinema na Guarda. Volven neste novo ano as películas proxectadas como parte da programación Invernos de Cinema e, neste caso, o filme que se poderá ver é “Las ovejas no pierden el tren”.

Deste xeito os guardeses e as guardesas teñen a oportunidade de visionar, de balde, ás 21 horas no Centro Cultural da Guarda, unha destacada e actual película española. O filme, protagonizado por Inma Cuesta e Raúl Arévalo, entre outros, conta con moito humor a historia desta parella que se atopa nun momento delicado da súa relación cando se ven obrigados a mudarse ao campo.

O sábado, tamén no Centro Cultural, terá lugar a presentación do rally solidario que dende o 28 de decembro ata o 5 de xaneiro realizou a asociación Conrazones a través de Marrocos, percorrendo case 6.000 quilómetros co obxectivo de repartir material escolar entre a poboación máis desfavorecida.

E para rematar a fin de semana, a Alameda acollerá o sorteo da campaña de Nadal de AGUDE. Ademais, o evento tamén incluirá concurso de Bizcochos e chocolate para amenizar a tarde, todo isto a partir das 18 horas.

Dende a Concellería de Cultura convidan a tódolos veciños e veciñas a desfrutar de todas estas variadas propostas e da primeira fin de semana tras as vacacións do Nadal na Guarda.