O sábado 8 e o domingo 9 de abril son as derradeiras datas para degustar a lamprea en formato pincho a un prezo único de 2 €

Despois do primeiro fin de semana o viveirista e os restaurantes e bares que participan na Ruta do Pincho da Lamprea do Miño mostraron a súa satisfacción e afirman que a lamprea é un produto moi valorado na Guarda e entorno. Inclusive que grazas a esta ruta as novas xeracións comezan a probar este peixe grazas as diferentes elaboracións que ofrecen os establecementos participantes.

Polo tanto, esta campaña gastronómica continúa esta fin de semana dando a coñecer este valorado peixe en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas.

Ademáis de degustar a lamprea os participantes serán os responsables de escoller o establecemento no Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño xa que puntúan cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentan e depositan nas urnas dispoñibles en cada establecemento.

Para premiar a fidelidade dos participantes haberá un sorteo entre todas as papeletas depositadas nas urnas. O sorteo dos agasallos realizarase o mércores 19 de abril :

  • 1º Unha caixa de 3 botellas de viño Albariño da Adega Rectoral do Umía

  • 2º Unha caixa de 3 botellas de viño Mencía da Adega Rectoral de Amandi

  • 3º Unha caixa de 3 botellas de viño Ribeiro da Adega Alanís

 Organiza: Viveirista e pescadores do Miño da Guarda e patrocina: Concello da Guarda

Participan 8 restaurantes e bares da Guarda: AS POZAS, BITADORNA, BRÉTEMA, BRISAMAR, REST. CAMPING SANTA TECLA, JAMONERÍA ANABEL, MARBELLA, XEITO

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Turismo e Comercio, Montse Magallanes foron os encargados de presentar a ‘Ruta do pincho da lamprea do Miño 2017’, que volve este ano á Guarda, este venres ás 10 horas na Casa dos Alonsos.

Esta ruta, que tivo a súa primeira edición en 2014, orixinouse pola inquietude dos pescadores e viveirista da vila por promocionar e dar a coñecer o sabor dun produto da zona como é a lamprea. Este ano, a pesar da escaseza de capturas, volven a organizar unha nova edición, en colaboración co Concello, para mostrar ao público que a lamprea pode estar ao alcance de todos. Con esta finalidade, 8 locais guardeses ofrecerán pinchos coa lamprea como protagonista, a un prezo único de 2 euros, durante as dúas primeiras fin de semanas de abril.

O alcalde e a Concelleira estiveron acompañados neste acto por unha representación dos establecementos participantes, que amosaron aos presentes os pinchos que se poderán degustar durante os días 1, 2, 8 e 9 de abril en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas. Entre estes había hamburguesas de lamprea, fideuá e outras creacións.

O alcalde iniciou a presentación falando do orgullo guardés que sinte cando representa á vila en eventos como FITUR ou a Gala de Turismo Rías Baixas que tivo lugar onte e na que A Guarda recibiu 3 diplomas de Calidade Turística. A sensación é que o bo facer do departamento de turismo é moi apreciado fóra da vila e que é grazas a iniciativas como esta ruta que se da a coñecer todo o que pode ofrecer A Guarda, que é moito.

Pola súa banda a Concelleira quixo agradecer aos establecementos que participan da ruta e aos pescadores e viveirista que orixinaron unha iniciativa moi importante para promocionar un produto da zona que para moitas persoas aínda é un descoñecido e para por en valor a gran calidade da gastronomía guardesa. Tamén agradeceu ós pescadores que impartiron aos escolares da vila as xornadas didácticas ‘Coñeces a lamprea?’ que despertaron un gran interese dos rapaces. O recibimento foi espectacular e os debuxos da lamprea que realizaron nos centros estarán expostos nos locais participantes.

Recordouse que todos aqueles que acudan a estes locais a probar os pinchos serán tamén os xuíces do Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño, puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais, premiarase a fidelidade dos participantes cun sorteo de 3 lotes de vino entre todas as papeletas depositadas nas urnas.

Non queda máis que convidar aos veciños, veciñas e visitantes a desfrutar duns pinchos de gran calidade a un módico prezo, e aproveitar a oportunidade para acompañar esta experiencia gastronómica dunha boa compañía nun lugar tan fermoso como A Guarda.