Unha semana máis o Centro Cultural da Guarda acolleu un destacado evento cultural. A pesar do mal tempo da pasada fin de semana, numerosas persoas achegáronse o venres día 3 de febreiro á presentación da publicación “Camiños da Imaxe”.

Ante veciños e veciñas, representantes do goberno local e os deputados provinciais Montse Magallanes, Xosé Leal e Javier Dios, presentouse un libro que fala da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”. Trátase dunha obra que xa foi exposta ao público na exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

O acto foi inaugurado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, que agradeceu a tódolos asistentes a súa presenza e tivo un especial recoñecemento para a concelleira e a técnico de cultura pola paixón e esforzo postos neste proxecto. Ademais destacou que, fronte ás persoas que pensan que na Guarda non pasa nada, existen outras que crean e xeran espectáculo, como o homenaxeado Costiña. Tamén salientou a labor de Proxecto Socheo, responsables da exposición e da publicación, e por suposto, puxo en valor a figura de Costiña e da súa obra, entre a que se atopan uns filmes que levan aos guardeses e guardesas á súa infancia e á historia máis íntima da vila.

A seguinte intervención foi a de Ricardo Silva, portavoz da familia de Costiña, que agradeceu aos veciños, amigos, familia e autoridades pola súa presenza, así como as palabras do alcalde e o traballo de Proxecto Socheo. Expresou a satisfacción plena como familia por esta homenaxe, moito máis do que puidera soñar un fotógrafo como foi Costiña, un artesán da fotografía vencellado ás xentes máis humildes.

Pola súa banda o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, expresou a súa alegría por acudir á Guarda a un acto como este. Presentouse, afirmou, unha publicación que amosa un gran cariño polo eido e o patrimonial audiovisual da vila, de gran importancia para recordar o pasado e para que o podan desfrutar tódalas xeracións. Destacou a Costiña como unha persoa que apostou polo cinema, algo difícil hoxe, canto máis na súa época.

A continuación Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, realizaron unha detallada presentación do libro. Primeiro agradeceron o apoio do Departamento de Cultura do concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, que permitiu a materialización da publicación. Así como dos familiares de Costiña, en especial as súas netas, por facer posible o acceso ó arquivo do fotógrafo.

Todo isto permitiu realizar unha publicación que, afirmaron, conta con textos de grandes expertos do cinema, tanto locais como estatais, que acompañan á obra do fotógrafo. Tamén falaron dos capítulos da publicación, que inclúe diferentes temas como a propia figura de Costiña, A Guarda na época, a fotografía neses anos, etc. A Guarda, afirmaron, é terra de nacemento e paso de grandes fotógrafos.

Ademais, compartiron un vídeo-ensaio sobre os filmes de Costiña, uns filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés. Neste vídeo expuxeron datos sobre a vida do autor, as súas técnicas de filmación, a montaxe, os planos e secuencias, os movementos de cámaras, a experimentación coas luces e imaxes que marcaron a obra de Costiña, e os diversos valores do seu traballo, dos cales o principal é o seu valor documental.

Para concluír a velada, os presentes puideron desfrutar do visionado do filme de Costiña, acompañados dunha interpretación musical en directo do pianista Karolis Biveinis. Este foi un momento moi emotivo, no que se puido ver como os presentes se divertían antes as ocorrencias das fillas do fotógrafo, grandes protagonistas do filme. Tamén se viron imaxes de temporais da época na costa e dos mariñeiros, así como diversos paisaxes e lugares da vila, que o público recoñecía a pesar do paso dos anos. Deste xeito rematou unha noite moi especial de homenaxe a unha das figuras máis destacadas da historia e da cultura da Guarda.