O vindeiro xoves día 26 de decembro terá lugar a segunda Barferencia do ciclo finais 2019 que terá lugar ás 20:30h na Cervexaría «La Bodega» da Guarda.

Despois da primeira Barferencia celebrada no mes de novembro e que versou sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e que correu a cargo de Silvia Cernadas, chega a segunda na cal o historiador local J. Miguel Villa falará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa.

Juan Bautista Alonso Español, nado na parroquia guardesa de San Lourenzo de Salcidos no ano 1879, foi xurista, político, periodista e presidente do Consello do Estado, cursando estudos en Filosofía e Leis na Universidade de Salamanca.

Na década de 1830, momento no que se instala en Madrid, lle levaría a opinar sobre os máis acuciantes problemas da España isabelina como redactor de famosos periódicos, destacando de maneira notable como xurista no foro madrileño, chegando a ser deputado polas circunscripcións de Madrid no 1839, de Pontevedra entre 1841 e 1843 e de Lugo no 1843. En 1843 foi subsecretario de Gobernación sendo condecorado ese mesmo ano coa Cruz de Carlos III como premio aos seus servizos neste ministerio.

No regreso dos progresistas ao poder en 1854, Juan Bautista Alonso voltou a aparecer coma deputado pola provincia de Pontevedra ante as Cortes constituíntes, e xa retirado da vida pública, volveu a ser deputado ás Cortes, esta vez por Santiago de Compostela no 1865-1866.

Repite coma parlamentario no 1872-1873, como senador pola provincia de Murcia, e exerceu de presidente interino do Consello do Estado, acadando a presidencia do mesmo durante a I República española.

Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.